Parlamento Galego

BNG reclámalle á Xunta de Rueda solucións reais para garantir a continuidade das escolas infantís en Ourense

Iago Tabarés
Iago Tabarés

Iago Tabarés reclámalle á Consellería de Política Social compromiso coas familias, asunción de responsabilidades e que non se limite a poñer parches ao problema

O deputado do BNG Iago Tabarés reclamoulle á Xunta de Rueda que poña enriba da mesa solucións reais para garantir a continuidade das escolas infantís en Ourense, aumentando a súa rede. Fíxoo a través dunha pregunta na sesión plenaria deste mércores onde subliñou a  grave carencia de recursos en educación infantil na cidade, que afecta especialmente ás familias do barrio das Lagoas, despois de que Cáritas anunciase o peche para 2025/2026 da a Escola Infantil A Casiña.

Tabarés indicou que as escolas infantís en Ourense ofrecen un total de 1.220 prazas, das cales só o 40% son de titularidade pública, o que resulta “totalmente insuficiente” para atender a crecente demanda. No ano 2024, máis de 130 crianzas quedaron sen praza, quedando en lista de agarda. Este déficit de prazas vese agravada pola recente decisión de Cáritas, entidade vén xestionando os últimos 17 anos dos case 50 anos de actividade de A Casiña.

"O peche desta escola ten consecuencias devastadoras non só para as familias que xa contaban con este servizo, senón tamén para a comunidade do barrio das Lagoas e para as 7 traballadoras que perderán o seu posto de traballo, un ben escaso en Ourense", declarou.

Tabarés destacou que este peche inesperado, canda a carencia de escolas públicas na área —a máis próxima está a máis de dous quilómetros de distancia---- crea “unha situación insostible” para moitas familias que precisan deste servizo para poder conciliar a súa vida laboral e familiar. A decisión, ademais, “foi anunciada de forma extemporánea, despois de pechado o prazo de matrícula, deixando moitas familias sen alternativas.”, subliñou.

O deputado do BNG entende que a Xunta non teña responsabilidade sobre a decisión de Cáritas pero si que ten responsabilidade na carencia de recursos en escolas infantís en Ourense, e emprazou á Consellería de Política Social a que asuma as súas responsabilidades e se comprometa a dar solucións reais e non parches. "Non se pode seguir ignorando a crecente demanda de prazas, nin a necesidade de manter estes postos de traballo tan necesarios na nosa cidade", afirmou Tabarés.

Segundo a normativa vixente, as escolas infantís de 0 a 3 anos deben ser un recurso fundamental para facilitar a conciliación entre a vida laboral e familiar, fomentar a natalidade e garantir o desenvolvemento integral das crianzas. Porén, en Ourense, este recurso é escaso. A provincia conta con tan só 23 escolas infantís, das cales só 6 son de titularidade e xestión autonómica, 14 son xestionadas por empresas privadas con ánimo de lucro, e 1 por Cáritas, que en no curso 2025-2026 deixará de dar servizo.

O BNG esixe á Xunta do PP un compromiso claro coa continuidade da escola infantil das Lagoas e, máis xeralmente, coa ampliación e mellora da rede pública de escolas infantís en Ourense. "Existen terreos dispoñibles, existe demanda e incluso matrícula formalizada, e tamén persoal cualificado para cubrir esas prazas", destacou Tabarés. "É o momento idóneo para incrementar a oferta pública de servizos e garantir que as familias teñan acceso a este recurso fundamental”, rematou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG