parlamento galego

BNG reclama á Xunta que prorrogue o selado de oficio das demandas de emprego mentres haxa restricións de mobilidade

Daniel Pérez e Ramón Fernández
Daniel Pérez e Ramón Fernández
Os deputados Ramón Fernández e Daniel Pérez advirten do risco das colas que se volven dar nas oficinas de emprego ao reiniciarse as renovacións

O BNG vai reclamar á Xunta no Parlamento galego a prórroga do selamento de oficio das demandas de emprego en tanto existan medidas restritivas de mobilidade ou de acceso aos distintos edificios administrativos, logo de que esta medida rematase oficialmente o pasado 31 de decembro.

Nunha proposición non de lei presentada polos portavoces nacionalistas de Emprego e Industria, Daniel Pérez e Ramón Fernández, respectivamente, o Bloque lembra que a renovación de oficio da demanda de emprego foi unha das primeiras medidas tomadas polo Executivo galego, dadas as restricións de mobilidade e as recomendacións sanitarias de evitar aglomeracións e contactos innecesarios.

Neste sentido, subliñan que tendo en conta a importancia do trámite e as repercusións económicas de non cumprimentalo en tempo e forma para as persoas afectadas, a renovación de oficio resultou unha solución eficaz durante os últimos meses.

Non obstante, os deputados nacionalistas recordan que a vixencia da medida -despois de prorrogarse en varias ocasións- rematou o 31 de decembro, traendo como consecuencia inmediata a formación de colas nas oficinas de emprego desde os primeiros días do ano, “o que -segundo recalcan- dadas as actuais circunstancias de risco sanitario é absolutamente contraditorio con todas as outras medidas adoptadas pola Xunta”.

De igual xeito, advirten de que as ferramentas ou mecanismos dixitais habilitados pola Administración galega para a realización de trámites están aínda lonxe de resultar unha solución universalmente eficaz, ben pola falta dos necesarios recursos materiais, ben pola falta das precisas habilidades dixitais de boa parte das persoas administradas.

Por isto, e tendo en conta que as razóns que motivaron no seu día a renovación de oficio da demanda de emprego seguen manténdose en plena terceira onda da pandemia, o Bloque reclama a prórroga da medida mentres existan medidas restritivas da mobilidade.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG