O BNG reclamou na Cámara á Xunta incoar o expediente de Ben de Interese Cultural (BIC) para os murais do pintor surrealista Urbano Lugrís localizados na Coruña, na rúa Olmos 25, cuxo edificio en estado de ruína ameaza a día de hoxe a súa integridade.
A deputada pola Coruña, Mercedes Queixas, criticou o “lamentábel estado de abandono e deterioración” do inmoble que acolle os murais, “con filtracións de auga no interior e caída de cascotes no exterior, unha situación que está a pór en perigo a conservación do tesouro artístico que representan os murais de Urbano Lugrís”. Unha serie de 10 pezas e unha gran bóveda parte “do seu rico legado artístico, catalogado como Patrimonio Cultural de Galiza”, destacou, ameazado polo “abandono” do Executivo do PP, malia ser a protección do Patrimonio unha obriga estatutaria.
Queixas aludiu o labor de colectivos como In nave civitas e a Asociación O Mural, “que levan anos poñendo en coñecemento a delicada situación destes murais tanto ao concello como á Xunta” e que, ata o momento, só recibiron silencio administrativo por parte do Executivo dos Populares e do propio consistorio coruñés. A dirección xeral de Patrimonio evitou facer compromisos ao respecto da protección desta obra, aludindo ao “ben privado” onde se atopa este mural de Lugrís.
A portavoz de Cultura, fixo referencia a un precedente nesta desprotección patrimonial en relación a “este pintor surrealista galego por excelencia”, o caso da vista de A Coruña 1669, unha obra “salvada grazas á sensibilización social convertida en mobilización e grazas á articulación da Asociación O Muro dun proceso de tramitación da solicitude BIC á Xunta”. Unha petición á que o Goberno tamén respondeu con “silencio”, o que provoca que os únicos beneficiarios desta inacción sexan “os intereses especulativos”, remarcou.
Naquel momento, o Goberno do PP só reaccionou, explicou Queixas, “diante dunha demanda xudicial no TSXG para que incoasen o BIC” e polo que tivo que pagar as custas. Unha protección do patrimonio artístico “que saíu ben cara” ás galegas e galegos por unha decisión da Xunta que chegou “tarde”.
Nestes momentos, detallou Queixas, na coruñesa rúa Olmos “podemos observar a cara e a cruz da obra muralística lugrisiana: á esquerda un mural BIC protexido e recuperado e á dereita varios murais sen catalogación BIC e en severo risco de perda”, concluíu, emprazando ao Goberno do PP a actuar “de urxencia” para protexer esta xoia patrimonial da arte galega do século XX.