Parlamento Galego

BNG reclama á Xunta do PP que se implique na posta en marcha da residencia Veigas de Camba de Vilariño de Conso

Secundino Fernández
Secundino Fernández
Secundino Fernández puxo en evidencia un exemplo máis de como o PP xestiona os cartos públicos nun centro que leva máis de un ano rematado

O deputado Secundino Fernández preguntou este xoves no Parlamento polo grao de implicación da Xunta do PP na posta en marcha da residencia de titularidade pública Veigas de Camba, despois de que as obras de edificación rematasen hai máis de un ano, e de que o Concello de Vilariño de Conso desembolsase catro millóns de euros.

Na Comisión de Sanidade, o deputado criticou que despois dun investimento deste calibre, que “hipotecou” as contas do concello durante moitos anos sen que Xunta nin Deputación achegasen  financiamento, o edificio “se deteriore pola falta de uso”. Máis grave aínda é, considerou,  que as veciñas e veciños de Vilariño de Conso non poidan usala. “Un exemplo máis de como xestionan os gobernos do PP os cartos: fanse as obras e despois non se poñen en funcionamento”, apuntou.

Segundo lembrou, o 40 % dos 521 habitantes que ten este concello supera os 65 anos e ten unha das rendas medias máis baixas de Galiza, con pensións “exiguas” procedentes na súa maior parte do réxime agrario.

“Parece que o goberno municipal do PP non ten capacidade para por en funcionamento esta residencia de 70 prazas e a Xunta de Galiza desenténdese das súas obrigas e tampouco actúa. Uns polos outros e a casa sen varrer”, lamentou.

É por iso que, segundo afirmou Fernández, unha vez feita esta “inxente” inversión por parte do concello e na que tamén “debería ter investido a Xunta”, o BNG demanda a Administración galega que, mediante un convenio con Concello, impulse a xestión pública da residencia porque “representa un servizo de maior eficacia para as veciñas e veciños de Vilariño de Conso”

Neste punto, remitiuse ao  Informe de Fiscalización do Gasto en Atención Residencial a Persoas Maiores e Dependentes do Consello de Contas, que aprecia un valores inferiores en relación ao número de persoal contratado nos centros concertados con respecto aos de xestión pública.

Segundo explicou Fernández, nas conclusións do mesmo informe constátase que en Galiza o 65% das prazas son privadas, destacando a provincia de Ourense co maior número de prazas privadas. E, con relación ao grao de satisfacción dos usuarios e das súas familias, despréndese do informe que o grao de valoración é superior nos centros xestionados pola Xunta.

O deputado da comarca explicou na súa intervención que actualmente en Galiza, a poboación que supera os 65 anos é do 30%, e os datos oficiais falan dun 45,4% de prazas ofertadas en residencias privadas, fronte ao 31,9 en residencias de iniciativa social, ofertando os centros públicos o 22,7% (5.362 prazas). Un dato que, en Ourense  é “aínda máis sangrante”, cun 19,2% de prazas en residencias públicas.

Por todo o exposto, na comisión de Sanidade, o deputado da comarca preguntoulle ao xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, se a Xunta ten pensado facer algún convenio co concello de Vilariño de Conso para que haxa unha xestión pública da residencia Veigas de Camba; se tanto a Xunta como o Concello fixeron algunha xestión para poñer en funcionamento o centro, e se a Xunta de Galiza participou con algunha inversión na construción da edificación, que, hai que lembrar, leva máis de un ano rematada.

Diante da resposta do xerente, que non aclarou nin se faría algún tipo de convenio co concello nin a data da posta en marcha da residencia,  Secundino Fernández replicoulle que “o problema é que os concellos como Vilariño de Conso non teñen “categoría urbana” nin unha fundación coma a de Amancio Ortega detrás”, considerando así os veciños e veciñas desta localidade como “de segunda”, manifestou.

“Desde o BNG seguiremos reclamando este sistema público de coidados que garanta o dereito á vellez digna, colocando as persoas no centro das políticas e despregando unha rede de servizos públicos fortes e de proximidade”, afirmou, recriminando que na outra banda “temos dúas administracións gobernadas pola mesma forza política (concello e Xunta) que non hai forma de que se poñan de acordo”, proclamou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG