O viceportavoz segundo do BNG, Luís Bará reclamoulle á Xunta do PP incrementar o persoal médico e a cobertura da praza de pediatría de xeito permanente no centro de saúde de Arcade para que o servizo de atención primaria dea resposta acaída ás actuais necesidades da poboación. O Partido Popular votou en contra desta iniciativa que si apoiou o seu grupo municipal no concello de Soutomaior.
Durante a súa exposición na comisión 5ª, o deputado pontevedrés denunciou que na actualidade hai tres médicos para atender unha poboación de máis de 7.000 habitantes. É por iso que, na iniciativa do BNG, se pedía a dotación de máis facultativos. Ademais, advertiu que” non se están a cubrir as baixas e vacacións durante o verán”, e que “hai agardas de unha semana e ata dez días”.
Bará recordoulle ao PP que “houbo un compromiso manifestado hai case un ano polo xerente da área sanitaria co alcalde de Soutomaior para cubrir a cuarta praza médica no caso de que o concello fixese unha obras de mellora e ampliación do espazo do centro de saúde”. A realidade -asegurou- é que “o concello fixo esas adaptacións en outubro do ano 2023 e están agardando con que se dote esa praza, polo que hai un incumprimento manifesto por parte do Sergas”, criticou.
No que se refire ao servizo de pediatría, o deputado pontevedrés advertiu que a situación é “aínda máis grave” porque o centro de saúde de Arcade leva sen pediatra “nada máis e nada menos que 600 días”, situación que se está a producir desde que en outubro de 2002 a anterior facultativa colleu unha baixa e a Xunta “non cubriu a súa praza”.
A pesar das numerosas demandas da veciñanza e das continuas peticións do goberno municipal, “a Xunta dedicouse a poñer diferentes parches” en referencia á atención pediátrica “intermitente de dúas tardes á semana sen continuidade asistencial” e que “non serve para cubrir as demandas”, asegurou.
Bará puxo o exemplo dunha cita de pediatría pedida no día de hoxe e adxudicada para o día 22 de xullo para manifestar que “se lles parece isto normal, desde logo a nós non”. Ademais, a falta de pediatra en Soutomaior “provoca o desprazamento ata o veciño concello de Vilaboa ou, no caso das urxencias, ata o PAC da Parda en Pontevedra, que xa está de por si saturado”.
“Esta situación ten unhas vítimas que son os e as profesionais sanitarios e administrativos que teñen que suplir cun nivel de dedicación encomiable esa situación de recortes e a falta de planificación e organización do Sergas e que ademais pagan un alto prezo físico e emocional”, lamentou.
Na súa réplica, Bará cualificou de “ruindade e falta de respecto ao traballo do BNG e da corporación municipal de Soutomaior, que aprobou cos votos do Partido Popular un acordo semellante a este”, en alusión ás acusacións ao Bloque Nacionalista Galego por parte do PP de ser o responsable da situación sanitaria que se está a vivir no concello.
O deputado nacionalista incidiu en que “é unha acusación tamén ao grupo municipal do Partido Popular, que apoiou as demandas que nós traemos aquí” para despois preguntar se “non falan vostedes co grupo Popular de Soutomaior” ou se “teñen discrepancias nesta materia”. Pero sobre todo, advertiu, “é unha falta de respecto á cidadanía de Soutomaior”.
Criticou que o PP veña á Comisión 5ª “buscar escusas” porque “vostede sabe perfectamente que os trámites para construír o centro de saúde están en marcha, que están resolvendo problemas burocráticos e que hai un traballo coordinado entre o concello e o Sergas para resolver esa situación”. Tamén lle recordou ao PP que o concello de Soutomaior fixo as “adaptacións no centro de saúde de Arcade para habilitar esa cuarta praza de médico”.
“Son escusas para intentar lavarlle a cara ao Goberno do Partido Popular, que leva 15 anos de recortes e privatizacións que foi o que nos trouxo ata aquí”, concluíu.