O BNG reclamará no Parlamento a creación de unidades de reprodución asistida nos hospitais de Lugo e Ourense para rematar así coa “discriminación” que sofren as mulleres do interior do País, que se ven obrigadas a desprazarse ata Vigo, Santiago ou A Coruña para recibir os tratamentos de fertilidade, xa sexa por inseminación artificial ou fecundación in vitro.
“Flexibilizar as restricións para os tratamentos de fertilidade é un paso importante, pero é prioritario tamén rematar co profundo desequilibrio territorial que sofren as mulleres de Lugo e Ourense”, considera a portavoz nacionalista de Sanidade Hospitalaria, Iria Carreira, denunciando o custe engadido que ten para as mulleres do interior do País a decisión de someterse a técnicas de reprodución para ser nais.
A modo de exemplo, explica que unha muller da Fonsagrada ten que facer unha viaxe de case dúas horas para ser tratada na unidade da Coruña, cando podería reducir á metade o tempo do desprazamento no caso de poder ser tratada no Hospital Lucus Augusti de Lugo (HULA), coas revisión, probas e procedementos necesarios.
Iria Carreira defenderá no próximo Pleno unha iniciativa na que ademais de unidades de reprodución asistida no CHOU e no HULA reclamará a dotación de máis medios nas tres unidades que existen na actualidade co obxectivo de reducir as listas de agarda, que no caso dos tratamentos de inseminación poden superar o ano. Trátase, apunta a deputada, de evitar que, malia a ampliación do límite de idade máxima, se dean casos de mulleres que acaban sendo excluídas por mor dos tempos de espera.
“O Sergas xa anunciou que vai aumentar ata os 45 anos a idade para poder acceder a estas técnicas e que vai eliminar o límite de ter un fillo ou unha filla para acceder a estas terapias”, explica Carreira, que considera que para avanzar realmente no acceso das mulleres queren ser nais a este tipo de tratamentos é preciso tamén axilizar os trámites, acurtando as esperas. “Hai mulleres que con 38 ou 39 anos xa non son derivadas porque coa lista de espera que hai xa se da por feito que non van chegar a recibir o tratamento antes dos 40, que idade límite a día de hoxe”, asegura Carreira.