O Bloque Nacionalista Galego solicitou, mediante unha Proposición Non de Lei no Congreso, traspasar as competencias para a total xestión económica e administrativa dos centros do Instituto Oceanográfico con sede na Galiza para que pasen a formar parte da estrutura da Xunta e evitar seguir adiante coa decisión unilateral e centralizadora de integración no CSIC.
A decisión que adoptou o Ministerio de Ciencia e Innovación como solución á crise pola que pasa o IEO de integralo xunto con outros organismos públicos de investigación dentro do CSIC, atopouse coa oposición do propio persoal do Instituto. “É unha decisión unilateral e na que non se contou coa opinión dos traballadores e traballadoras, nin sequera se falou coa dirección dos centros para consultar previamente o seu parecer” sinalou o deputado Néstor Rego.
A formación nacionalista aproveitou esta iniciativa parlamentaria para exixir que mentres non se materialice o traspaso de competencias por parte do Estado á Xunta de Galiza, polo menos que se inicie un proceso de descentralización dos centros e das infraestruturas do IOE, concretamente para os que se atopa situados nas cidades da Coruña e Vigo, para que poidan ser xestionados segundo as súas propias necesidades. “Estas medidas centralizadoras inciden directamente nunha falta de adaptación do traballo que se desenvolve nos centros da Galiza e nas necesidades dos sectores económicos vinculados ao mar no noso País” sinalou Rego.
O deputado do BNG reivindicou que esa foi unha das funcións principais dos centros da Coruña e Vigo, “o asesoramento ao sector pesqueiro e marisqueiro, e non soamente investigadora”. O BNG advirte que esta faceta veríase relegada, senón impedida, cando pase a depender do CSIC. Rego expuxo, a modo de exemplo, que desde Madrid poderíanse eliminar investigacións cruciais para o desenvolvemento dun dos nosos principais motores económicos, como é a liña de investigación de cultivos de moluscos na que viña traballando de forma pioneira durante os últimos corenta anos no centro da Coruña e que o convertía nun centro de referencia nesa materia.
Rego denuncia a centralización de gastos que se impón ao persoal técnico administrativo, a través da figura dun interventor, para o control dos investimentos necesarios para o desenvolvemento das súas propias tarefas e reivindica que debe ser corrixida, pois imposibilita a actividade dos centros. Ademais destacou que a anexión ao CSIC vai seguir mantendo os principais problemas derivados da centralización. “A xestión centralizada non só afecta e seguirá afectando no económico, senón que tamén na dotación de persoal, nas taxas de reposición e na administración do traballo no día a día”.
O BNG denuncia que se trata novamente dunha decisión tomada desde Madrid sen contar coas necesidades específicas de cada un dos centros. “A uniformidade non vai ser nunca a solución –destacou Néstor Rego- manter a independencia do Instituto e transferir as competencias de xestión á Xunta de Galiza, serviría para pór as bases novamente en pleno funcionamento os centros do IEO”.