O BNG propón unha política cultural que coida e promova o libro galego alén das nosas fronteiras fronte á desatención do Executivo do PP, que levou á Feira Internacional do Libro en Fráncfort un posto sen libros nin atención profesional nin presenza física do sector literario de Galiza.
A portavoz de Cultura, Mercedes Queixas, denunciou “a incompetencia dun Goberno do PP incapaz de poñer o libro galego no mapa a pesar dos éxitos dun sector creativo e editorial vizoso e activo” e contrapuxo o papel “de desidia e baleiro” da Consellería de Cultura co do mundo editorial galego, cuxo stand “tivo actividade constante e fixo de representación dunha creación literaria que está viva grazas ás súas autoras e autores e moi a pesar deste desleixo e ridículo dun goberno desgastado”, criticou.
Un PP, remarcou Queixas, “que con esta actitude toca fondo na súa posta en valor do panorama cultural”. A esta “parálise”, denunciou, súmase “o fracaso de participación e a perda dunha oportunidade tan grande para o País, xa que a de Fráncfort é a maior feira de negocios editoriais do mundo, o maior escaparate literario”, argumentou. De feito, sinalou que para o Goberno dos Populares “esta grande ocasión nin sequera merecera a presenza de ningunha autoridade política da Xunta, só remitiron unha nota de prensa cunha foto do ano pasado porque neste non tiñan nin libros nos estantes”.
A deputada nacionalista puxo o foco na necesidade “urxente” dunha política cultural de internacionalización do sector editorial galego fronte “uns orzamentos para 2023 que non están por ese labor”. A partida prevista para as feiras internacionais, recriminou, “segue conxelada ano tras ano”. Fronte a isto, puxo en valor as propostas do BNG para poñer ao libro galego no mapa coa creación dun Instituto Rosalía de Castro de Internacionalización da Cultura Galega e a aprobación dun Plan de Dinamización da Lectura, “tal e como prescribe a Lei do Libro dende o 2006”, engadiu.
Neste sentido, Queixas emprazou á Consellería de Cultura a “mediar e facer de apoio” ao sector, propostas que se atoparon co silencio do PP, que non aclarou o fracaso da súa participación na Feira Internacional de Fráncfort nin detallou medidas de apoio para promocionar o sector editorial galego no eido global.