O BNG reclama un pleno extraordinario para que Feixóo dea a cara sobre a corrupción do PP

Ana Pontón
Ana Pontón

Ana Pontón: “A Gürtel naceu en Galiza e resulta inverosímil que o PPdG non se beneficiase desa trama criminal ou que Feixóo alegue ignorancia”

Tilda de obsceno o enriquecemento e os sobresoldos dos cargos do PP, incluído Raxoi, mentres impoñían recortes con gran sufrimento social

Da mesma maneira que a xustiza considera inverosímil que Mariano Raxoi ignorase a trama corrupta do caso Gürtel, o BNG considera igual de inverosímil que o PPdeG non se beneficiase dese entramado criminal que naceu en Galiza e que Alberto Núñez Feixóo diga que non sabía nada.

Por iso, o  Bloque considera imprescindible que o presidente da Xunta compareza no Parlamento para dar a cara e, senón o fai a petición propia, xa avanza que falará co resto dos grupos da oposición para solicitar o vindeiro luns  un pleno extraordinario inmediato con esa comparecencia.

“Feixóo non pode poñerse de perfil, porque a Gürtell naceu en Galiza e mantivo no consello de administración de Portos de Galiza a Pablo Crespo”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón, o mesmo ex alto cargo do PPdeG que en 2013 declaraba ante o televisivo Évole:  “O 65% do diñeiro que manexaba o PP en Galiza era en negro e procedía de donativos e construtoras, nas campañas declarábamos 1,2 millóns de euros cando custaban tres ou catro millóns”, lembraba Pontón.

Tras cualificar de “inexplicable” que estas declaracións non fosen investigadas nin por parte do Partido Popular nin por parte de ningún tribunal de xustiza, Pontón considera urxente “que se investigue a fondo a rama galega deste sistema de financiamento e un pleno extraordinario para valorar a sentencia e as súas ramificacións en Galiza”.

Ademais, a dirixente do Bloque insta a Feixóo a pronunciarse sobre a continuidade de Raxoi. “Se tras o fallo da Audiencia Nacional non esixe a súa dimisión, convértese en cómplice”, recalcou, ao considerar que o auto da Gürtel é dunha “gravidade extrema” que deixa ao descuberto que o PP non ten mazás podres, nin casos illados, senón que que fixo da corrupción sistémica a súa maneira de ser. “É só é a punta do iceberg, porque esta corrupción é estrutural no estado español,  afecta aos partidos do réxime, aos lobbies empresariais, ás grandes corporacións mediáticas e ás cúpulas xudiciais”, subliñou Pontón.

Para a portavoz nacionalista resulta “obsceno” comprobar como o partido da caixa B, dos sobresoldos en negro, -incluído a Mariano Raxoi-, do enriquecemento millonario en paraísos fiscais aplicaba unha política de recortes que se traducían en sufrimento social.

“Recortaban nas pensións, na sanidade ou na dependencia causando sufrimento e empobrecemento a milleiros de persoas, e mentres pasaba isto,  no PP facían caixa cos seus sobresoldos, coas súas contas en Suiza, enriquecéndose a costa de roubar cartos dos impostos pagados polos traballadores e as traballadoras”, denunciou.

O BNG considera que o Partido Popular debe recoñecer os feitos, pedir perdón, devolver o roubado e presentar a dimisión de toda a dirección, con Raxoi á cabeza. “Esta organización non pode seguir gobernando no Estado, porque sabemos que o PP máis que un partido é un entramado corrupto, unha tapadeira para que uns poucos se fagan millonarios a costa do erario público”, concluíu Pontón.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG