O BNG considera que a contundente sentenza ditada no Caso Gürtel debe traducirse en consecuencias políticas, incluída a dimisión do propio presidente do PP, Mariano Raxoi, posto que a Audiencia Nacional considera probada a existencia dunha caixa b no Partido Popular e falla que esta forza política e as empresas do condenado Francisco Correa montaron “un auténtico e eficaz sistema de corrupción institucional”.
O Bloque salienta que é a primeira vez que un partido político é condenado como tal por corrupción, un feito sen precedentes e da máxima gravidade, polo que hoxe mesmo tería que dimitir a dirección do Partido Popular empezando polo seu presidente, “M. Raxoi”, pois non é verosímil que os máximos responsábeis do PP a nivel estatal non fosen corresponsábeis por acción ou omisión do acontecido.
Para o BNG é evidente que a trama de corrupción non podería sosterse sen o consentimento da cúpula do partido, tanto tras coñecer o fallo como en base aos datos que foron aflorando neste e outros casos de corrupción, como o último que levou a detención do ex portavoz parlamentario do PP con Raxoi e ex presidente de Valencia, Eduardo Zaplana.
A formación nacionalista tamén avanza que vai pedir a comparecencia do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixóo, para que responda sobre a trama galega, porque é preciso coñecer as ramificacións e implicacións galegas desta corrupción sistémica do PP da que o ex secretario de Organización do PPdG, Pablo Crespo, foi un elemento clave.
O Bloque considera que acumulación de casos de corrupción do PP amosan unha forza política cunha estrutura de funcionamento corrupta, lonxe da imaxe de “casos illados ou mazás podres” que a propia dirección do Partido Popular en Madrid e en Galiza se empeñan en propagar, por contra, é unha estrutura completamente corrupta dentro dun sistema intrinsecamente corrupto. Roubaron, mentiron e gañaron eleccións facendo trampas, conclúe o BNG na súa valoración do fallo emitido pola Audiencia Nacional.