Parlamento Galego

BNG reclama no Parlamento, unha vez máis, declarar BIC a música e o baile tradicional galego

Xuntanza con colectivos da tradición galega
Xuntanza con colectivos da tradición galega

Mercedes Queixas criticou que o PP leva anunciando desde 2018 a declaración BIC, mais nunca foi capaz de comprometerse a concretalo

O BNG reúnese co movemento asociativo e cultural da música e o baile galego para reclamar que se poña en valor e se protexa a cultura tradicional galega

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Mercedes Queixas, anunciou que levará ao Parlamento, unha vez máis, unha proposta para instar á Xunta de Galiza a que dunha vez por todas declare BIC a música e o baile tradicional galego.

O BNG vén de manter un encontro con entidades históricas e tamén cunha parte representativa do movemento asociativo, cultural, “quere ser para o BNG sobre todo un punto de encontro” sinalou Queixas, “un punto de escoita ás súas demandas e de posta en valor das mesmas” a través de iniciativas parlamentares que nos comprometemos a desenvolver no Parlamento galego.

Mercedes Queixas manifestou que dende o BNG “estamos moi orgullosas da cultura tradicional galega que se expresa a través do canto, a través da música e a través do baile desde esa múltiple diversidade e plasticidade que representa”. A deputada salientou o traballo desenvolto polas informantes que axudaron a que todo o movemento cultural, asociativo, de base, “fose capaz de soster este importantísimo patrimonio inmaterial a través de recollidas, de formación, de transmisión e de conservación”.

A deputada nacionalista criticou o anuncio que o Partido Popular leva facendo xa desde o ano 2018 “e que foi incapaz de concretar”. Queixas advertiu que a tradición musical e o baile precisa dun coidado, unha  divulgación e unha posta en valor, mais tamén precisa protección e conservación. “É fundamental que o Partido Popular dunha vez por todas dea un paso adiante como membro do goberno da Xunta de Galiza” salientou.

Para o BNG este 17 de maio de 2025 “vai ser esa merecidísima homenaxe a todas as informantes, as nosas pandeireteiras”. Queixas trasladou “a ledicia de ver o apego que a sociedade galega de hoxe está a amosar e a vivir intensamente “a través das foliadas”, nomeadamente a xente moza, “que o sente como parte propia dunha tradición única e a súa vez tamén conscientes da admiración que suscitamos no mundo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG