BNG reclama máis apoio aos festivais de cinema da coordinadora Proxecta fronte a desatención e “desconfianza” de AGADIC

Mercedes Queixas
Mercedes Queixas
Mercedes Queixas: “As persoas participantes de Proxecta non teñen nada máis que agardar nin nada novo, é máis do mesmo, non teñen confianza nin en AGADIC nin no Goberno do PP en que lles brinden apoio”

O BNG demandoulle a Jacobo Sutil, director xeral de AGADIC, máis apoio á difusión e visibilización audiovisual que aportan os 18 festivais de cinema ao abeiro da coordinadora Proxecta, “que forma parte dun ecosistema de festivais audiovisuais galego que cumpre, ademais das citadas, unha función moi importante, indispensable, que é a da visibilización do novo talento”, enxalzou a portavoz de Cultura, Mercedes Queixas.

“Por parte de AGADIC en Proxecta non teñen nada máis que agardar nin nada novo, é maís do mesmo, non teñen confianza nin en AGADIC nin no Goberno do PP para recibir apoio”, denunciou a portavoz de Cultura. Os datos, remarcou, “están máis que contrastados, só no ano 2022 houbo 300 proxeccións de cinema galego con 100.000 espectadores e 1.750.000 euros de, coa posibilidade de acceder a un audiovisual diverso, que se non é por esta asociación quedaría invisibilizado”, cualificou sobre as axudas que o Goberno do PP da a esta asociación impulsora do audiovisual galego, con só 225.000 euros para este 2023.

“Pedímoslle un apoio explícito que non nos aclarou na súa intervención”, criticou Queixas a Sutil. O paraugas cultural que promove Proxecta, afirmou, “ten seccións específicas para a xente máis nova e para darlles visibilidade ante as e os programadores doutros eventos, ante as e os directores e os medios de comunicación”, algo de “esencial importancia” na dinamización do tecido cultural galego e a súa exportación e coñecemento dentro e fóra do Pais.

Queixas desglosou varios dos exemplos que impulsa este festival, “como o S8, que traballa de preto coas universidades de Vigo e de Salamanca; o Novos Cinemas co alumnado da Universidade de Vigo; co Curtocircuíto na súa sección Supernova; co Festival de Cans na súa sección Furacáns, e podería seguir”, expresou sobre o papel duns festivais “que acollen as primeiras proxeccións da obra de novos talentos que meses despois acaban véndose en eventos a nivel estatal ou incluso internacional, como a Short Film Corner do festival de Cannes.

A portavoz de Cultura emprazou a Jacobo Sutil, a AGADIC e ao Executivo do PP “a apoiar de verdade colectivos coma este” que, de feito, están en consonancia cos obxectivos que marca a Axenda 2030 “asinando o Pacto Pola Cultura Sustentable con todo o que conleva: ser máis respectuosos co medio ambiente, máis accesibles, máis inclusivos, favorecendo a programación e o traballo de talento feminino nos seus equipos para acabar con estereotipos”, concluíu Queixas, fronte un Sutil que non se comprometeu, de momento, a un maior apoio orzamentario para as tarefas de divulgación audiovisual desta coordinadora.

 

 
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG