O viceportavoz segundo do BNG, Luís Bará, anunciou que reclamará o envío ao Parlamento do estudo encargado pola Xunta sobre o custo do rescate da concesión de Audasa da AP9, e sinalou que as cifras da consultora que saíron á luz este xoves e que varían desde o 1.612 aos 2.355 millóns de euros, están moi por debaixo das estimacións “absolutamente desproporcionadas e faltas de rigor” que fixera o PP do Goberno de Rajoy e tamén recentemente o Goberno do Partido Socialista.
Ao deputado estráñalle “o baile de cifras”, da estimación da consultora e por iso o BNG “quere coñecer as razóns destas variacións”, recalcou. Ademais, recorda que “foi a cámara galega por iniciativa do BNG quen lle solicitou á Xunta de maneira unánime a realización deste estudo”, e por iso reclama que o informe sexa remitido ao Parlamento.
Neste sentido, Bará aclarou que “falta a segunda parte do acordo parlamentario”, en referencia ao estudo das vías xurídicas para a anulación da concesión, seguindo o camiño aberto pola Comisión Europea que -sinalou- “no seu expediente sobre a materia presupón que a ampliación da concesión vulnerou a normativa comunitaria”.
O deputado nacionalista quere lembrar ademais que a actual situación de pagamento de “peaxes abusivas” e a necesidade de anular a concesión a Audasa “é consecuencia dunha decisión presuntamente ilegal do Goberno do Partido Popular de Aznar”, e apuntou “non o di o BNG, dio a Comisión Europea”.
Tamén recorda que PP “ vetou a creación dunha comisión de investigación no Parlamento galego para poñer luz e taquígafos sobre todas estas decisións e para coñecer os custos e as vías para a súa transferencia e rescate”.
Por último, Luís Bará rematou manifestando o “compromiso do BNG de seguir traballando no Parlamento galego, en Madrid e tamén en Bruxelas, para conseguir canto antes unha AP9 galega e libre de peaxes”.