Congreso

O BNG reclama ao Ministerio de Facenda o pagamento dos 370 millóns de euros que o Estado lle debe a Galiza

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego solicita a comparecencia da ministra Montero na comisión de Facenda para reclamarlle o pagamento da débeda que ten o Estado con Galiza e advirte que ningún articificio nin pretexto de caracter técnico pode xustificar o non pagamento

O BNG aposta no modelo de concerto económico e nunha Facenda Galega que dará máis capacidade á Galiza para destinar os recursos para un mellor desenvolvemento económico e a mellora de servizos

O deputado nacionalista galego, Néstor Rego, pide a comparecencia na comisión de Facenda da ministra, María Jesús Montero, para reclamar ao Ministerio de Facenda que pague os 370 millóns de euros que debe a Galiza, 200 millóns do IVE correspondente a 2017 e 170 dos incentivos habilitados para as autonomías cumpridoras da regra de gasto.

Rego afirma que o goberno central debe pagar eses cartos “que son de todos os galegos e galegas” e advirte que “ningún artificio nin pretexto de carácter técnico” pode xustificar o non pagamento da débeda.

Ao mesmo tempo, o BNG rexistrou unha iniciativa parlamentaria para que por escrito o goberno se posicione en relación a esta situación. O deputado salienta que “o BNG fará todo o posíbel para recuperar eses cartos” e destaca que esta situación debe servir para chamar a atención sobre a necesidade de mudar o modelo de financiamento. Rego lembra que o Bloque Nacionalista Galego ten reclamado desde sempre un concerto económico que, a través dunha Facenda Galega, lle dea á Galiza capacidade para recadar todos os impostos e decidir a que se destinan. Para o BNG este sistema de financiamento significa dispor de máis recursos para investir no desenvolvemento económico e na mellora dos servizos públicos galegos.

O deputado do BNG subliña que, segundo datos de 2017, a diferenza nese ano entre o que os galegos e galegas pagamos ao Estado en impostos e o que este nos devolveu supera os 4.500 millóns de euros. Esta cifra dá idea da potencialidade de mellora do financiamento galego co modelo de concerto económico e, nesa medida, tamén das posibilidades de avanzar en calidade de vida e benestar.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG