congreso

BNG reclama ao Goberno solucionar o problema de cobertura móbil en Tomiño

Néstor Rego
Néstor Rego

A deficiente cobertura está a dificultar gravemente as comunicacións de toda a veciñanza, así como o desenvolvemento da actividade laboral, comercial e industrial da zona” sinala Rego

Demanda atender a especial situación de Tomiño por atoparse nunha localización transfronteiriza e garantir a cobertura tanto de telefonía móbil como de datos en todo o concello.

 

O deputado do BNG, Néstor Rego, reclama ao Goberno do Estado, a través de iniciativas rexistradas no Congreso, levar a cabo todas as actuacións que sexan necesarias para solucionar a situación de nula e deficiente cobertura móbil que padece o Concello de Tomiño. Segundo explica Rego, esta situación está a dificultar gravemente as comunicacións de toda a veciñanza, así como o desenvolvemento da actividade laboral, comercial e industrial da zona. A frente nacionalista demanda solucións após anos de pasividade e silencio por parte da Administración Xeral do Estado.

Entre 2020 e 2022, a alcaldía do Concello de Tomiño realizou innumerábeis trámites para solucionar a deficiente cobertura móbil que se produce en moitas áreas do termo municipal. A destacar, as áreas que rodean os núcleos de Freixoal, Pinzas, Cristelos, Vilachán do Monte, A Chán, Carregal, Forcadela, O Couto, Tollo, Fontenla, Amorín e Currás.

A pesar dos esforzos do goberno municipal, que dirixiu reiterados escritos a distintos cargos de operadoras de telefonía, así como á Subdelegación do Goberno de Pontevedra, á Secretaría de Estado de Telecomunicacións e Infraestruturas Dixitais comunicando o mapa de zonas escuras de cobertura do concello, e mesmo á Xunta, a FEGAMP e mesmo á Valedora do Pobo de Galiza, non teñen coñecemento de se as administracións responsábeis iniciaron algunha actuación para solucionar o problema.

“En boa parte do territorio do concello a cobertura é nula, noutras, o sinal é moi débil, provocando continuos cortes durante as conversacións ou que a calidade do son enviado e recibido sexa mala, cuestións ambas que dificultan enormemente o mantemento dunha comunicación adecuada” explica o deputado do BNG na iniciativa. Néstor Rego sinala que estes problemas de cobertura xeran innumerábeis problemas para a poboación, en xeral, mais afecta de forma especial ás empresas situadas no termo municipal: “impiden as comunicacións fluídas con provedores, a propia clientela, etc”.

De facto, unha boa parte das persoas afectadas recorren a compañías de teléfono portuguesas debido a que o concello de Tomiño limita, a través do río Miño, con Portugal. “Mais esta solución non atalla o problema por completo xa que, en moitos casos, o sinal tamén chega de forma débil” asevera.

“O Goberno do Estado, ademais de informar e atender as demandas que realizou o goberno municipal durante estes anos, debe actuar de maneira urxente para solucionar o problema de cobertura móbil. Así mesmo, ter en conta a especial situación derivada de atoparse nunha localización transfronteiriza e as posíbeis afectacións que ten este tipo de actuacións para garantir a cobertura tanto de telefonía móbil como de datos” finda Néstor Rego.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG