Parlamento Galego

BNG reclama ao Goberno de Rueda que se garanta a calidade fronte á cantidade á hora de establecer os prezos do leite

Ariadna Fernández
Ariadna Fernández
Ariadna Fernández esixe á Xunta que non condene o sector lácteo a un modelo produtivo de “macrogranxas” que non axude a preservar o rural

A deputada do BNG Ariadna Fernández reclamou no Parlamento que se garanta a calidade fronte á cantidade á hora de establecer os prezos do leite e esixiulle á Xunta de Rueda que “non condene o sector lácteo a un modelo produtivo de “macrogranxas” que non axude a preservar o rural galego”.

“A realidade parécese pouco á ficción á que vostedes contribúen” afirmou, acusando o Goberno da Xunta de non fomentar “as vacas nos prados”, nin a pervivencia das explotacións que están máis integradas no territorio, que son as maioritarias no país, cun 66% do total.  Alertou ademais da desaparición das pequenas granxas, que o ano pasado pecharon case unha ao día, subliñou.  “Vostedes fomentan as macrogranxas, porque son as únicas que medran”, dixo, aclarando que estas, que superan os 140 animais, supoñen o 11% o total de explotacións leiteiras en Galiza. “Vostedes teñen que gobernar para todas as granxas, queiran ou non”, reclamou.

 A realidade, afondou, é que “esa gandeira da montaña de Lugo non sabe se lle recollerán a fin de mes o produto excepcional que vende, a realidade é que na aldea de Gresande non quedou ningún fillo ou filla coas vacas de seus pais e había vacas en todas as casas noutro tempo, porque en Galiza só o 3,5% dos produtores de leite teñen menos de 35 anos”, exemplificou.

É por iso que Ariadna Fernández tamén urxiu ao Goberno galego PP medidas que garantan a supervivencia destas explotacións para loitar contra o reto demográfico, a falla de relevo xeracional, o reto da suficiencia alimentaria ou o coidado do medio e prevención de incendios. “Temos os retos pero non temos un plan”, manifestou.

Neste sentido, relacionou a falta de relevo xeracional coa ausencia de apoio ao rural á hora de contar con servizos como a rede de sumidoiros, servizos sanitarios ou conexión a Internet, cuestións cruciais que tamén recolle o Consello de Contas.  A isto sumoulle os prezos do leite, que nas explotacións máis pequenas se paga entre 10 e 12 céntimos menos ca nas grandes, e se se compara coa media estatal, a cantidade é aínda menor. 

“Priorizase no prezo a cantidade e non a calidade”, algo que para a deputada nacionalista é necesario cambiar, ao igual que é preciso darlles ás explotacións pequenas máis capacidade de negociación nos contratos do leite, que en moitas ocasións, advertiu, “se cambian unha vez asinados”. “Non son sequera capaces de facer cumprir a lei, que se cumpra o que se firma, que se respecten prezos por riba dos de produción e evitar que as explotacións pequenas desaparezan”.

“Vostedes poderán facer escaparate e propaganda, pero xa lles digo que calquera que venda leite sabe que son espectadores do devalo dun sector que en Galiza podía ser o futuro próximo e non tan próximo de moitas xeracións”, rematou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG