Congreso

BNG reclama ao Goberno medidas efectivas contra os accidentes con fauna salvaxe na rede viaria

Néstor Rego
Néstor Rego

Rego urxe o Ministerio a adoptar unha política máis ambiciosa e eficaz para reducir os accidentes con animais nas estradas galegas

“A protección da seguranza viaria debe ser unha prioridade e as medidas deben ser proporcionais á gravidade da situación en cada tramo e adaptada” afirma Néstor Rego

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar iniciativas co obxectivo de reclamar ao Goberno do Estado desenvolver medidas máis eficaces e extensivas para previr os accidentes de tráfico con implicación de animais salvaxes na rede viaria de titularidade estatal en Galiza. Após o anuncio do Ministerio de Transportes sobre a creación dos denominados TEFIVA (Tramos de Especial Frecuencia de Incidentes Viarios con Implicación de Animais) que identifican zonas con alta incidencia de sinistros desta natureza, o deputado do BNG demanda coñecer as actuacións que ten previsto realizar.

O BNG considera que o criterio empregado para a declaración destes tramos deixa fóra moitos puntos da rede viaria nos que se producen accidentes de xeito recorrente, e que, malia non cumprir todos os requisitos esixidos para ser considerados TEFIVA, deberían ser obxecto de medidas preventivas.

“Queremos obter información detallada sobre os tramos da rede viaria estatal na Galiza onde se produciron accidentes con fauna salvaxe, incluso aqueles que non chegan a reunir todos os criterios establecidos” sinala o deputado do BNG no Congreso. Ademais, Néstor Rego demanda ao Ministerio de Transportes que indique cantos tramos adicionais serían identificados de eliminarse certos requisitos, como o da existencia de vítimas.

O BNG pregunta, ademais, en que outras estradas de titularidade estatal se teñen producido sinistros con animais implicados e reclama que os mecanismos de prevención e disuasión que se aplican para minimizar os accidentes con especies salvaxes sexan extensivos a todos os tramos onde se rexistran accidentes de forma habitual, e non só a aqueles considerados de especial incidencia segundo os criterios que aplica o Ministerio.

Por outra parte, Néstor Rego exixe que o Goberno estatal estabeleza canles de coordinación coas administracións autonómicas, especialmente coa Xunta de Galiza, para abordar conxuntamente a problemática da sinistralidade viaria por presenza de fauna salvaxe. Nese sentido, solicita información sobre a existencia e o grao de colaboración actual entre ambas administracións nesta materia.

Alén do máis, Rego solicita aclarar sobre a proposta da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) para a implantación de novas tecnoloxías no control da presenza de xabarís nas estradas, e en que puntos concretos da rede viaria galega se prevé instalar estas medidas.

Finalmente, o BNG lembra que a só sinalización non abonda para garantir a seguranza viaria, polo que reclama a aplicación de medidas complementarias como a construción de pasos de fauna, o valado de marxes nas estradas máis afectadas e a realización de labores de limpeza da flora existente nas marxes das estradas, a comezar por todos os tramos en que se rexistran accidentes de forma habitual, non só nos declarados de especial incidencia. Rego insta o Ministerio a reconsiderar a súa postura e a adoptar unha política máis ambiciosa e eficaz para reducir os accidentes con animais nas estradas galegas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG