O deputado, Daniel Castro, reclamou á Xunta de Galiza coñecer o informe e os seus resultados do Plan de Dinamización da Lingua galega na Mocidade 2019-2022. “É preciso coñecer os seus resultados que, con periodicidade anual ten que levar a cabo o goberno galego mediante a creación dunha comisión, tal e como se recolle no devandito plan” salientou Castro.
O deputado nacionalista recriminou ao PP que, “en pleno 2024 seguimos sen saber nada das accións realizadas neste plan” e sobre todo, “continuamos sen dispoñer da avaliación do mesmo, dos éxitos acadados ou das eivas que presentou”, todo isto a pesar de estar obrigados e obrigadas a facelo.
Inserido no marco do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, “definíase como un proxecto unitario da Xunta de Galiza no que todo o goberno galego estaría involucrado”, ao tempo que buscaba a participación activa e o compromiso de todas as administracións, entidades públicas e organizacións sociais que interveñen no ámbito da mocidade, “para crear unha dinámica de actuación encamiñada a aumentar o uso do galego entre mozas e mozos”.
Castro recordoulle ao Secretario de Política Lingüística que “a propia Real Academia Galega afirma que as súas políticas atacaron a saúde da nosa lingua” e salientou a insistencia da Academia pola derrogación do Decreto de Plurilingüísimo.
O BNG propón realizar un novo Plan de Normalización Lingüística entre a mocidade galega para incrementar a presenza e o uso do galego nos espazos de maior interese ou máis atractivos para mozas e mozos cunha idade comprendida entre os 14 e os 30 anos.