BNG reclama ao Goberno do Estado mellorar a seguranza viaria na N-642 no Concello de Foz

Foz
Foz

A formación nacionalista demanda a construción de dúas rotondas que faciliten a fluidez do tráfico e axuden a diminuír o risco de accidentes

Rego propón medidas para rematar coa división da parroquia de Cangas de Foz para acceder á zona de dotacións e servizos

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou distintas iniciativas despois da súa visita a Foz, acompañado por representantes da Asociación de Veciños “Os Castros” de Cangas de Foz,  para que o Goberno do Estado mellore a seguranza viaria da N-642 nas interseccións coas estradas LU-152 e LU-162. Rego recolle así a demanda da veciñanza e do BNG de Foz de acometer a construción dunha rotonda ou glorieta que facilite a fluidez do tráfico e reduza o risco de accidentes na altura da parroquia de Cangas. Permitiría afemais facilitar o acceso até a zona de dotacións e servizos que se atopan no outro lado da vía.

Rego mantivo unha xuntanza coa veciñanza de Cangas de Foz, representada na Asociación de Veciños “Os Castros”, para coñecer a situación de perigo na seguranza viaria. “Son varios os puntos da N-642 que xeran problemas e perigos para o tráfico rodado e para o tránsito de persoas a pé e a Administración do Estado debe acometer os estudos e trámites precisos para solucionalos” subliña Néstor Rego. Destaca dous dos puntos máis conflitivos como son as interseccións da estrada coas carreteiras con titularidade da Xunta de Galiza, a LU-152 e a LU-162.

Esta última, divide a parroquia de Cangas de Foz en dúas partes: “a zona de servizos está separada dos núcleos de poboación máis importantes e máis numerosos da parroquia”. A única posibilidade de acceso da veciñanza de núcleos como os de Vilachá ou Vilasindre a esa zona dos Castros é mediante o cruce da estrada que une Cangas de Foz e Ferreira de Valadouro. “Este punto é particularmente sensíbel e perigoso para o tráfico e para o paso de persoas a pé, xa que se trata dun lugar con problemas de visibilidade e cun gran volume de tráfico” explica o deputado nacionalista.

Así mesmo, sinala como “urxente” que se acometa esta actuación na estrada e “a construción dunha rotonda que permita un acceso máis fluído do tráfico e prever pasos seguros para os peóns que queren acceder ao campo de fútbol, centro cívico, praia dos Castros...”.

Por outra banda, o acceso a Foz pola N-642 dos vehículos procedentes de Barreiros na intersección coa estrada competencia da Xunta de Galiza, a LU-152, que comunica O Valadouro e Alfoz, presenta problemas no tráfico rodado e precisa “dunha atención inmediata por parte das administracións”. Neste cruzamento prodúcense numerosas retencións o que provoca perigo de colisión por alcance dos vehículos que deben parar no medio da vía.

“Para solucionar este problema é necesaria a construción dunha rotonda ou glorieta que facilite a fluidez do tráfico e reduza o risco de accidentes. Debe terse en conta que esta actuación é imprescindíbel dado que a LU-152 será, no futuro, a estrada de acceso e saída da futura A-74 desde o enlace do Carme” conclúe o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG