O BNG reclama ampliar a rede natura de Galiza organizando unha andaina reivindicativa polo Courel

Miranda advirte que se perden oportunidades económicas posto que o territorio protexido terá prioridade no acceso a fondos europeos

Proposta do Bloque dun decálogo europeo do Courel en defensa da preservación do territorio “noutra Europa posible”

Santiago de Compostela,  18 de Abril 2014.-  Baixo o lema Cumio Europeo do Courel o BNG organizou unha andaina reivindicativa por este espazo natural emblemático do  país para demandar a ampliación da Rede Natura de Galiza que, a día de hoxe e pese ao recen aprobado plan director por parte da Xunta, apenas supón o 13% da superficie do noso territorio, o que nos sitúa á cola de Europa e do propio Estado español.

A candidata ás eleccións europeas do BNG, Ana Miranda, foi a encargada de ler o manifesto final Decálogo europeo do Courel, tras concluír o percorrido de varios quilómetros na aldea da Seara no Concello de Quiroga, no que se recollen as propostas da formación nacionalista para blindar a preservación da biodiversidade e da riqueza natural do país.

_DSC6494Neste sentido, Miranda advertiu que a negativa do Goberno Feijóo a ampliar a superficie da Rede Natura non só revela “o seu desprezo” por conservar o territorio.  Supón ademais “perder oportunidades de desenvolvemento económico, xa que actividades coma a agrogandeira, forestal, pesca e o marisqueo artesanal, ou o conxunto das denominadas actividades tradicionais, as áreas da Rede Natura  gozarán de prioridade no acceso a axudas”.

“Lamentablemente fican moitas xoias naturais desprotexidas e a poboación destes lugares perderán, nos próximos anos, axudas europeas para a potenciación e desenvolvemento económico destas áreas que debería ter a protección da Rede Natura”, denunciou Miranda, quen tamén explica que incluso a Política Agraria Comunitaria e a Política Pesqueira Común inclúen o concepto de “condicionalidade ambiental” á hora do reparto das axudas.

A premeditada elección do Courel para esta andaina reivindicativa é tamén un sinal de alerta polo continuo deterioro deste emblemático espazo natural “nunha estratexia do Goberno galego deseñada para dinamitar as súas posibilidades de prosperar, cando debía proporcionar un valor económico á poboación desde un modelo de crecemento sustentable”, argumentou Miranda.

Como propostas do Decálogo Europeo do Courel que formula o BNG:

1º Apostar pola Rede Natura como medio para conservar o territorio e, ao mesmo tempo, que serva como oportunidade de desenvolvemento económico do medio rural e do mar.

2º  Converter a Rede Natura no instrumento para aplicar as política ambientais da UE.

3º  Ampliar os espazos a incluír na Rede Natura en Galiza.

4º Conceder a categoría de zonas de especial conservación (ZEC) e zonas de especial conservación de aves (ZEPAS) aos espazos integrados na Rede Natura.

5º Denunciar ante a UE o déficit de espazos protexidos en Galiza, que debe incluír máis capacidade de inspección e sanción.

6º Potenciar a Rede Natura coma un instrumento fundamental para crear riqueza no rural.

7º Reclamar da UE mecanismos de financiamento directos, con fondos para actuacións fixas anuais.

8º Fomentar e divulgar o significado da Rede Natura, actualmente case descoñecida entre a cidadanía.

9º Fixar procedementos de avaliación e autorización ambiental rigorosos e transparentes para evitar accións incompatibles cos obxectivos da Rede Natura.

10º Simbolizar que outra Europa é posible neste acto no "Courel dos tesos cumes que ollan de lonxe!", que escribía Uxío Novoneyra.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG