A deputada do BNG, Olalla Rodil interpelou ao goberno pola grave situación, económica e social das mulleres e criticou a falta de medidas para acadar unha “igualdade real”.
A xuízo da nacionalista, urxe poñer en marcha iniciativas urxentes na senda da igualdade entre as que destacou destinar o “1% do Orzamento da Xunta, 1 de cada 100 euros, incluído o incremento das prestacións económicas para que as mulleres que perciben estas axudas non perdan poder adquisitivo”, aumentar a dotación económica aos Centros de información ás mulleres (CIM) e modificar as bases da convocatoria das axudas para garantir persoal suficiente incorporando novos perfís profesionais. “É necesario incrementar o número de axentes de igualdade e tamén e sobre todo, persoal técnico-administrativo que asuma a enorme carga burocrática que esixe a propia Xunta para xustificar os fondos”.
Nesta liña, tamén propuxo retirar dos CIM as competencias que corresponden a outros servizos existentes, como o da atención á persoas LGBT que deberían acudir aos Centros Quérote, aseverou.
A deputada insistiu en que as mulleres son as máis prexudicadas á hora de percibir un salario ou unha pensión ao que sumou as dificultades das familias monoparentais, sobre todo nun momento de crise económica. Dende o BNG, dixo, queremos falar desas dúas dimensións, “desigualdade e violencia machista” que precisan de recursos “urxentes e imprescindibles”.
É desolador constatar como a igualdade de xénero e a loita contra a violencia machista “non son unha prioridade política para o goberno galego”. O programa de accións para igualdade, explicou Rodil, redúcese en 186 mil euros, os 84 centros de Información ás Mulleres continúan co mesmo orzamento dende hai 13 anos, cun financiamento, en réxime de subvención cun máximo de 45 mil euros por CIM destinados a manter unha xornada completa e unha media xornada de dous perfís obrigados pola normativa para abrir o CIM, unha psicóloga e xurista que tamén deben asumir obrigas de dirección.
“Catro millóns de euros para 2022 (200 mil euros máis que o ano pasado) non dan para manter un servizo esencial no seu funcionamento ordinario e moito menos para desenvolver as competencias, cada vez maiores, que se lle esixe á REDE”.
Para a deputada, “urxe unha modificación do sistema de financiamento dos CIM e un incremento orzamentario á altura das necesidades e circunstancias”.
Tras a intervención da conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana Somoza, Rodil replicou, que as contas son claras e os rozamentos reflicten 186 mil euros menos, aínda que as prestacións económicas para mulleres vítimas de violencia machista se incrementen, a respecto do ano pasado, 400 mil euros, unha cantidade para o BNG “insuficiente” porque de non de modificarse a orde de axudas e base de convocatorias non se incrementarán estas prestacións conforme ao IPC.
Finalmente, a deputada do BNG recalcou que as partidas do orzamento dedicadas a loita contra a violencia machista reflicgten “unha porcentaxe insuficiente” e volvemos a reclamar 1 de cada cen euros do orzamento de Galiza si realmente queremos situar a loita contra as violencias machistas como “unha prioridade política” polo que pediu ao goberno galego que abandone “a rutina e a inercia”.