BNG propón á Xunta que reactive a mesa cos conservatorios municipais para acadar un marco legal máis equitativo

Daniel Castro
Daniel Castro
Daniel Castro advirte da desigualdade para concellos, profesorado e familias en relación aos conservatorios dependentes da Administración galega

O BNG propuxo á Xunta no Parlamento galego que recupere a mesa de diálogo cos conservatorios municipais co obxectivo de establecer un novo marco legal que garanta a equidade das persoas interesadas na formación nestes centros e unifique as condicións laborais do persoal docente e administrativo. 

Nunha iniciativa presentada ante a comisión de Educación e Cultura, o deputado Daniel Castro explicou que a oferta formativa en estudos musicais en Galiza componse de sete conservatorios de titularidade galega (os da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago e Vigo) e preto de 30 de titularidade municipal espallados ao longo do país, nos que se está a rexistrar unha evidente situación de “desigualdade”.

Segundo indicou, desigualdade a nivel de concellos, que están a asumir unha competencia impropia que deriva en serias dificultades económicas para manter o servizo e que, en ocasións, deriva nun incremento de taxas de matriculación ao alumnado, “máis aínda se temos en conta o descenso das achegas da Xunta desde a chegada do PP”, subliñou.

Neste sentido, exemplificou no de Viveiro, cuxo conservatorio supón uns gastos de aproximadamente 1,1 millóns de euros neste último orzamento municipal, cando o orzamento total do concello é de 13,4 millóns. “As cifras falan por si soas”, recalcou.

De igual xeito, Castro referiuse á desigualdade entre os conservatorios da Xunta e os municipais, que supón para o alumnado e as súas familias triplicar e ata cuadriplicar o gasto na maioría dos casos, “promovendo a centralización deste servizo nas sete grandes cidades”, algo que, segundo subliñou, “vai evidentemente contra a idea de ofrecer os mesmos servizos nas vilas e no rural ca nas cidades e algo que vai contra a conciliación familiar e o desenvolvemento comarcal”.

A isto sumou as evidentes diferenzas en canto a medios e instalacións entre uns e outros conservatorios, o que enlazou coa tamén desigualdade existente entre o profesorado, que no caso dos municipais, viven “condicións laborais absolutamente precarias e se atopan nun limbo legal”. “Contratación por horas, limitación de instalacións e material musical, incerteza legal por ausencia de normativas propias derivada, entre outras razóns, do feito de seren os conservatorios municipais os únicos centros de estudo que seguen fóra da rede pública de educación da Xunta son algunhas das principais queixan que nos trasladan e que mostran a necesidade urxente dunha regularización por parte do goberno galego”, incidiu.

Así pois e logo de advertir que concellos como os de Xinzo de Limia, Ponteareas, Viveiro, Lalín ou O Barco de Valdeorras denunciasen a necesidade de cambiar esta realidade, Castro apelou á necesidade de que o Executivo do PP recupere a mesa de diálogo entre a Administración galega e os conservatorios municipais -solicitada en varias ocasións- para establecer o tan necesario novo marco legal. A iniciativa non prosperou polo veto do grupo parlamentario do PP.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG