BNG propón que a Xunta declare as razas autóctonas galegas como especialmente protexidas para evitar a súa desaparición

Carme Aira
Carme Aira
Carme Aira advirte que a lei estatal de protección animal pretende prohibir a cría entre particulares, o que abocaría á extinción a razas como as caninas

O BNG propuxo no Parlamento galego que a Xunta declare as razas autóctonas galegas como especialmente protexidas por formar parte do patrimonio cultural, xenético e etnográfico galego, co fin de evitar a súa desaparición e favorecer a súa recuperación. A deputada Carme Aira advertiu nunha proposición non de lei que o proxecto de lei estatal para a protección animal, ao que se ben recoñeceu “a súa boa intención”, non recolle a realidade galega en canto ás nosas razas autóctonas, xa que ten a intención de prohibir a cría entre particulares, o que “abocaría sen remedio a estas razas á súa extinción”.

Así, Aira considerou “ríxida en extremo e prexudicial para calquera das razas autóctonas de cans que recoñece como animais de compañía e quizá tamén outras que quedan fóra desa categoría”. Nesta liña, explicou que o borrador da nova norma estatal pretende a esterilización dos cans de protección do gando e a obriga de castralos, deixándoos en situación de máis vulnerabilidade fronte ao lobo, mentres por outra banda, o mesmo goberno, aínda que distinto ministerio, declara ao lobo como especie protexida, prohibindo a súa caza, o que supón unha incongruencia entre ministerios. Para a deputada nacionalista, o proxecto de lei tampouco recoñece a realidade do rural e do sector agropecuario en relación cos animais, na que estes fan un importante traballo de colaboración coas persoas e que na maioría dos casos está afastada de calquera situación de maltrato.

Aira recordou que, concretamente no caso dos caninos, o Ministerio de Agricultura ten recoñecidas dende hai 20 anos 4 razas autóctonas galegas: o can de palleiro, o podengo, o perdigueiro e o guicho ou quisquelo, “algunhas delas abocada xa á extinción por falta de políticas por parte da Xunta”. Neste contexto, e logo de recoñecer o papel fundamental desenvolvido polos clubs de raza, considerou preciso “protexer ás nosas razas ante calquera eventual lei que no futuro prohiba a cría entre particulares, porque foron estes os que mantiveron co seu esforzo e inversión persoal razas como o can de palleiro que neste momento se está recobrando do perigo que tivo de verse extinguido por completo, pero que aínda está en risco”.

Na súa intervención, a deputada do BNG tamén se referiu ao caso de Canarias, onde se vén de sacar unha proposición non de lei no mesmo sentido para a protección das súas razas autóctonas en xeral como patrimonio natural e das caninas en particular. “Entender as nosas razas como patrimonio cultural, antropolóxico e natural é imprescindible para a súa protección e recuperación –incidiu-; sería impensable perder este acervo porque non se atendan as súas necesidades de conservación debido a calquera lexislación que non recolla a súa realidade”.

Deste xeito, deu a benvida a calquera medida que evite o maltrato animal, a cría indiscriminada para a súa venda ilegal ou calquera outra actuación encamiñada á protección dos animais, pero concluíu que “existen moitas posibilidades de control desta actividade entre particulares que non supoñan a perda patrimonial e da biodiversidade”. A iniciativa nacionalista non prosperou polo veto do PP. 
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG