Parlamento Galego

BNG propón no Parlamento un acordo para defender o sistema público de pensións e recuperar a xubilación aos 65 anos

Mon Fernández
Mon Fernández

PP e PSOE votan xuntos a favor da precarización das pensións que se mantén dende a reforma do ano 2011

O deputado do BNG Ramón Fernández defendeu na Comisión 6º do Parlamento un acordo para reclamar dende Galiza o sistema público de pensións e os dereitos dos traballadores e das traballadoras, recuperando as modalidades e condicións para acceder á xubilación que rexían antes da reforma do ano 2011. Entre estas, a xubilación ordinaria aos 65 anos e a parcial aos 61, así como que o cálculo da pensión se faga en función das cotizacións dos últimos 15 anos traballados  e que se requiran 35 anos de cotización para cobrar o 100 % da pensión.

Durante a defensa dunha proposición non de lei neste sentido, vetada polo PP e o PSOE, o deputado de Ferrol asegurou que a reforma do 2011, asinada polo Goberno de Zapatero en plena crise económica,  supuxo un “punto de inflexión”, sendo “especialmente agresiva para as clases populares”.

“Atrasar a idade de xubilación en todas as súas formas, ordinaria, anticipada e parcial, e aumentar as carreiras de cotización e as penalizacións impactou especialmente nas persoas que realizan traballos máis duros, peor retribuídos, que realizan xornadas parciais, e que teñen carreiras laborais máis curtas, mulleres na maioría dos casos”, explicou.

Lembrou, neste sentido, que despois desa reforma se estableceu con carácter progresivo a xubilación aos 67 anos, podendo anticipala catro anos, e que o período de carencia pasou de 15 a 25 anos mentres os de cotización necesarios para chegar ao 100 % da pensión incrementouse a 37.

Malia que todos os partidos políticos estatais da “presunta esquerda” se comprometeron “campaña electoral tras campaña electoral” a poñer fin a aquela reforma, “paso a paso os feitos veñen constatar que nin o autodenominado goberno máis progresista da historia, nin o actual sucedáneo, tomaron ningunha medida dirixida a derrogala, senón que veñen empeñándose en acadar aqueles mesmos obxectivos”, criticou.

Uns obxectivos que se consolidan, segundo destacou o deputado do BNG, co acordo recentemente asinado entre o Goberno do Estado, a patronal CEOE e Cepyme e os sindicatos CCOO e UGT. Segundo dixo, este novo acordo significa consolidar os “lesivos efectos que tivo para as clases populares” a reforma do 2011: redución da pensión media, atraso da idade de xubilación e imposibilidade de establecer novos coeficientes redutores para ocupacións penosas, “como por exemplo o naval”.

Ramón Fernández subliñou ademais os “efectos colaterais” sobre o acceso ao primeiro emprego por parte da mocidade e mesmo sobre os salarios deses primeiros empregos.

Todas razóns polas que é necesario, argumentou, promover dende Galiza e dende o seu Goberno a defensa dun sistema de pensións de carácter solidario “sobre todo para a clase traballadora, que cada vez ten menos capacidade de aforro e polo tanto menos posibilidades reais de reservar aforro para aumentar a súa futura pensión”, en alusión aos plans privados.

“As pensións deben estar garantidas polo conxunto da sociedade, e as reformas do sistema deben encamiñarse a mellorar o equilibrio da Seguridade Social pola vía de aumentar os ingresos e de que a Seguridade Social deixe de asumir gastos, como os das políticas activas de emprego que non lle corresponden”, agregou Ramón Fernández, que lamentou que PP e PSOE votasen xuntos contra a proposición non de lei nacionalista e a favor da “precarización” das pensións.  

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG