parlamento galego

BNG propón mellorar a protección das mulleres en risco de violencia machista

Olalla Rodil
Olalla Rodil

Olalla Rodil propuxo estender os mecanismos de xeolocalización do agresor a partir do risco medio, mudar o sistema VioGén para impulsar a súa eficacia e  reforzar o IMELGA

Cominou  á conselleira de Igualdade a “non normalizar nunca e en ningún sitio  ás persoas que  negan a violencia de xénero”.

A través dunha pregunta ao goberno, a deputada do BNG, Olalla Rodil propuxo mellorar “a protección das mulleres en risco de violencia machista” con medidas destinadas a mudar  o sistema VioGén para mellorar o seu grao de eficiencia e eficacia, complementar as valoracións policiais con Informes forenses de valoración de risco de carácter urxente, reforzar  e ampliar as plantillas dos servizos do Imelga para garantir que contan cos recursos  públicos materiais, humanos e económicos necesarios para desatascar o colapso e estender os mecanismos de xeolocalización do agresor a partir do risco medio, e non reducilo aos máis graves.

Rodil lembrou que a  semana pasada mataron a Ana Vanessa Serén en Oia, a segunda muller asasinada por violencia machista en Galiza no que vai de ano a pesar de facer todo o que a sociedade lle pedía que fixera, “denunciou, pediu medidas de protección no xulgado e a xustiza concedeullas, contaba

cunha orde de afastamento de 300 metros en vigor e unha valoración policial de risco media”, a aínda así, “matouna”.

En opinión da nacionalista, “algo falla” cando despois denunciar e cunha orde de afastamento o teu asasino pode esperar por ti á porta do traballo, durante horas  e matarte a tiros. “Algo non estamos facendo ben” reiterou a nacionalista.

Hoxe,  preguntámoslle  á conselleira de Traballo e Igualdade,  que medidas cre a Xunta que poderían impulsarse para garantir unha mellor protección das mulleres en situación de violencia machista porque dende o BNG queremos formularlle varias propostas:

  • Mudar o sistema VioGén para mellorar o seu grao de eficiencia e eficacia.
  • Complementar as valoracións policiais con Informes forenses de valoración de risco de carácter urxente.
  • Reforzar e ampliar as plantillas dos servizos do Imelga para garantir que contan cos recursos  públicos materiais, humanos e económicos necesarios para realizar esas tarefas de maneira rápida e desatascar o colapso.
  • Estender os mecanismos de xeolocalización do agresor a partir do risco medio, non só os máis graves.

Estas propostas, explicou  Rodil perseguen  un triplo enfoque:  Garantir a protección das mulleres en situación de violencia machista, anticiparnos para detectar situacións de violencia machista que non se coñecen, que non se denuncian e sobre todo, “ erradicar todas as formas de violencia de xénero e as desigualdades que están na base desa violencia”.

A deputada do BNG concluíu a súa intervención cominando á conselleira de Igualdade a “non normalizar nunca, e en ningún sitio a quen nega a violencia de xénero”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG