BNG propón medidas para evitar o incremento da desigualdade salarial e o empobrecemento das mulleres na crise actual

Néstor Rego
Néstor Rego

Néstor Rego demanda mellorar a dotación de medios materiais e humanos para loitar contra a fenda salarial, incluíndo a creación dun corpo específico encargado de investigar as discriminacións laborais por razóns de xénero.

A organización nacionalista demanda a transferencia das competencias en materia de inspección laboral, con financiamento suficiente, para que a Xunta de Galiza poña en marcha un programa específico que actúe contra a desigualdade salarial.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, propón impulsar medidas para pór fin ás desigualdades salariais entre homes e mulleres, entre elas destaca a creación dun corpo específico na inspección laboral para investigar a existencia de discriminacións por razón de xénero, atendendo especialmente á fenda salarial. Demanda tamén comezar por asegurar o cumprimento da lexislación en materia de igualdade no ámbito da administración, realizando unha auditoría para detectar as desigualdades, ou o impulso de cláusulas de igualdade dentro das contratacións públicas.  Así mesmo, a organización nacionalista defende a necesidade de iniciar as negociacións e contactos coa Xunta de Galiza para realizar a transferencia das competencias en materia de inspección laboral, acompañado do financiamento suficiente.

A crise socioeconómica xerada pola pandemia da COVID-19 e actual crise financeira veu a superpoñerse aos efectos das medidas lesivas aplicadas desde o ano 2008 debido á crise financeira e das cales as maiorías sociais aínda non se recuperaran. Os efectos da crise terá unha repercusión maior na vida das mulleres da Galiza, e do conxunto do Estado, pois virá a agrandar a fenda da desigualdade laboral e terá como consecuencia, máis unha vez, da feminización da pobreza. De facto, 75.5% das persoas ocupadas a tempo parcial na Galiza no último trimestre de 2021 eran mulleres, que sofren a maior taxa de temporalidade.

“A día de hoxe permanece tamén a chamada fenda salarial que, a pesar de ser ilegal sobre o papel, é a mellor mostra da boa saúde do sistema patriarcal neste marco económico e laboral, así como do fracaso das políticas públicas arbitradas respecto diso, que non deixan aínda de ser teoría para pórse en práctica” subliña o deputado do BNG. Rego salienta que, como resultado de todo isto, existe na Galiza unha fenda salarial media de máis de 4.000 euros anuais entre os salarios de mulleres e homes.

Así mesmo, segundo os datos do IGE a taxa de risco de pobreza das mulleres aumentou nos últimos anos empeorando de maneira notábel en 2020, cun aumento de 1.25%. Esta situación, ademais, afecta de forma especialmente grave ás mulleres de máis idade, as que superan os 65 anos, e ás máis novas, profundando na precarización da mocidade. Esta circunstancia verase aínda máis agravada pola actual escalada de prezos, “pois a inflación agrava a fenda de xénero no ámbito salarial e laboral e incrementa o empobrecemento das mulleres e de colectivos como as familias monoparentais, maioritariamente encabezadas por mulleres”.

“É evidente a situación de empeoramento das desigualdades sociais e o seu impacto de xénero. Por tanto, é necesario que os gobernos e as políticas públicas atendan esta situación” demanda Rego. O deputado, por este motivo, traslada á cámara baixa unha batería de medidas que servirían para loitar contra a desigualdade salarial e o empobrecemento das mulleres como consecuencia da crise económica.

En primeiro lugar, demanda impulsar a creación dun corpo específico de inspección laboral que teña competencias específicas na investigación da existencia de discriminacións por razón de xénero, atendendo especialmente á fenda salarial. Así mesmo, o executivo debe promover unha auditoría do cumprimento da lexislación en materia de igualdade na Administración Pública e nas contratacións públicas que dela dependen.

“Hai que favorecer cláusulas de igualdade na contratación pública, contemplando a partir do diálogo coas organizacións sindicais e sociais máis representativas, medidas para o diagnóstico, planificación e implantación, incluíndo a previsión legal da obrigatoriedade deste tipo de cláusulas na contratación pública” reivindica o deputado do BNG.

Por último, Rego demanda iniciar as negociacións e contactos pertinentes coa Xunta de Galiza para realizar a transferencia das competencias plenas en materia de inspección laboral. Esta transferencia debe ir acompañada do  financiamento suficiente para o sostemento do servizo e incrementar os recursos persoais e materiais destinados á inspección laboral, co que se podería pór en marcha un programa específico para perseguir a discriminación por razón de xénero no ámbito laboral.
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG