O BNG reclamou na Cámara 100 millóns de euros para combater a violencia de xénero, -o equivalente ao 1% dos orzamentos para 2019-, porque para combater o terrorismo machista é preciso incrementar os recursos económicos. “Menos lazos morados, menos declaracións institucionais e máis orzamento”, sintetizou a portavoz parlamentaria de Igualdade, Noa Presas, que salientou o recorte de 243 M€ acumulado pola Xunta de Feixóo nesta materia.
A deputada lembrou as mobilizacións masivas do 8M e contra as sentenzas patriarcais, “que canalizan a frustración dunha sociedade cada vez máis esixente”, en particular das mulleres “fartas” de soportar violencia e discriminacións e plantando cara “ás manadas que hai no sistema” e restan na loita contra a violencia ás mulleres, alegou Presas. Esas mobilizacións masivas “teñen que supoñer un antes e un despois no combate á violencia machista”.
Indicou que a maneira de demostrar que hai compromiso real e efectivo contra a violencia machista é poñendo máis recursos enriba da mesa, “para facer real a nosa afirmación de que é unha prioridade, para facer ben todo aquilo que dicimos que imos facer e para facer todo o que di a nosa lei que temos que facer”, argumentou.
Neste sentido, salientou que a Lei galega contra a violencia de xénero, - promovida polo BNG desde o Goberno-, está moi por diante da normativa estatal. “A mellor forma que temos de agradecerlle ás persoas que forxaron ese consenso, é ser ambiciosas para desenvolver a Lei galega de forma completa”.
“A sombra do patriarcado é alongada, o seu peso esmagador por iso son precisos máis recursos económicos para non baixar o ritmo neste proceso de cambio histórico e social que arrancou no 8M, no que se expresou a impotencia acumulada de todo o que significou a crise en canto á que a igualdade pasou de estar abríndose camiño ao vagón de cola”, indicou Presas.
Ante o novo veto dos populares a esta proposta, a deputada lamentou que unha vez máis “o PP responda botándonos a bronca por traer a esta Cámara unha medida para combater a violencia machista”, ademais de salientar o destino que poderían ter eses 100 millóns de euros adicionais.
“Cantas profesionais poderiamos estabilizar? Psicólogas, terapeutas, avogados e avogadas, traballadoras sociais, etc. Poderiamos dar asistencia psicolóxica en atención primaria, estender a todos os centros de educación secundaria os obradoiros específicos, por exemplo, sobre o consentimento, e superar a preeminencia da pornografía como referente formativo na mocidade galega”, explicou.
Igualmente, “habería recursos para crear unidades de violencia machista na Xustiza, dotar de máis medios os xulgados para evitar que a vítima se teña que cruzar co agresor, mellorar a formación para todos os colectivos que interveñen nun caso de violencia machista, axudar aos concellos ou ampliar as axudas directas ás mulleres vítimas da violencia”, concluíu.