Senado

BNG propón impulsar o parque de vivenda pública en réxime de aluguer en Pontevedra

Carme da Silva presenta unha batería de propostas “con nome e apelidos” que permitirían atender o problema actual da vivenda: “é cuestión de vontade política”

Máis de 300 vivendas, proxecta o BNG, que estarían en disposición de ofertarse “de forma áxil” en Pontevedra como vivenda pública en réxime de aluguer

 

A senadora do BNG, Carme da Silva, presenta unha batería de iniciativas que se rexistrarán nas Cortes do Estado e que buscan atender o problema actual da vivenda. A organización nacionalista quere impulsar o parque de vivenda pública en réxime de aluguer en Pontevedra e, para este fin, demanda o compromiso do Goberno do Estado para a cesión, a través da sinatura de convenios coa Xunta de Galiza, de terreos no termo municipal pontevedrés e a construción de máis de 300 vivendas públicas que se destinarían a ofrecer en réxime de aluguer.

En declaracións do Ministro de Economía, carteira propiedade da SAREB, Carlos Cuerpo mostrou a disposición do Goberno a negociar e ceder solos ás Comunidades Autónomas para que estas puidesen desenvolver unha política pública activa en materia de vivenda. Ante esta vontade por parte do executivo estatal e co obxectivo de resolver o problema actual que ten a sociedade para acceder a unha vivenda, o BNG presenta unha batería de propostas para que o Goberno ceda solos da súa propiedade no concello de Pontevedra: “é cuestión de vontade política”, sinala a senadora do BNG.

Durante a comparecencia, Carme da Silva anunciou o rexistro iniciativas para impulsar parque de vivenda pública en réxime de aluguer en Pontevedra e fixo referencia a distintos solos no termo municipal pontevedrés que, dunha forma ou doutra, son propiedade do Estado e que poderían empregarse para construír vivenda pública e vivenda social.

“Estamos a falar dunha proposta onde os terreos que estamos a sinalar teñen a tramitación urbanística rematada ou case rematada polo que se podería empezar a edificación nun período curto de tempo” subliña.

Máis de 300 vivendas públicas en réxime de aluguer

Rematada a tramitación urbanística do solo -propiedade do Ministerio de Defensa- que hai entre Campolongo e Mollabao, “estaríase en disposición de ter, de forma áxil, acceso a construír practicamente 73 vivendas”. Ademais, nestes terreos propiedade de Defensa en Campolongo, a senadora do BNG solicita ao Goberno realizar un estudo das vivendas que xa están construídas e van quedando baleiras. “Estas vivendas, habitadas na súa totalidade polos militares no pasado, tamén están en condicións de pórse a disposición para aluguer público” afirma.

Así mesmo, Carme da Silva lembrou o solar localizado entre Domingo de Andrade e Avenida de Uruguai, con 1.200 metros cadrados, con disposición para construír unhas 70 vivendas aproximadamente. “Este terreo xa se sacou a concurso mais quedou deserto. Entendemos que, neste momento, coa necesidade de colocar vivenda pública para aluguer no mercado este solar non debe volver a sacarse a concurso senón que se debe asinar un convenio coa Xunta de Galiza para destinalo a construír vivenda pública” subliña Carme da Silva.

Outra bolsa de solo moi importante é a Unidade de Actuación 5, na finca do Teucro, que é propiedade da SAREB. “O BNG sempre defendeu e defenderá que os activos da SAREB son propiedade pública porque todos os activos foron rescatados con diñeiro público. A Unidade de Actuación 5 é un dos activos máis importantes da SAREB en Pontevedra que podería empregarse para a construción de, aproximadamente, 190 vivendas” destaca a senadora do BNG, lembrando que só faltaría a aprobación dun estudo detalle do terreo podendo realizar a construción destas vivendas nun prazo curto de tempo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG