Senado

BNG propón eliminar as cabinas de cobro de peaxe no tramo Vigo-Redondela e evitar atascos

Carme da Silva
Carme da Silva

Aproveitando as obras da N-552, a senadora do BNG defende evitar atascos e embotellamentos e asegurar alternativas de mobilidade por estrada entre Vigo e Redondela

Da Silva: “Hai que liberar dunha vez por todas a AP-9 no seu conxunto. As galegas e galegos xa pagamos esta infraestrutura e seguimos pagándoa por culpa do PP”

Co gallo do inicio das obras na curva de Trasmañó en Redondela, na N-552, a senadora nacionalista propón ao Goberno levar a cabo alternativas que aseguren a adecuada mobilidade por estrada entre Redondela e Vigo. Co obxectivo de evitar atascos e embotellamentos mentres duren as obras, Carme da Silva defende a eliminación das cabinas para o cobro da peaxe no tramo entre Vigo e Redondela e lembra a posición da formación nacionalista de que o obxectivo é liberar de peaxes unha infraestrutura que xa foi pagada polos galegos e galegas.

O pésimo estado do firme da N-552 na curva de Trasmañó, entre o Alto da Encarnación e a ponte de Rande, en Redondela, foi obxecto de queixas e reclamacións desde hai máis dun ano pola presenza de numerosas fochancas, fendas e outras deficiencias que a converteron nun punto perigoso para a condución. Agora, o Ministerio de Transportes decidiu iniciar as obras que afectarán a este tramo de gran tránsito entre Vigo e Redondela, tanto de turismos como de camións.

Así, mentres se executen as obras, vai ser inevitábel que se produzan atascos e embotellamento nesta vía de gran densidade de tráfico, pois é a única alternativa á AP-9. Neste contexto, a organización nacionalista require coñecer o prazo de execución previsto para as obras na N-552 en Trasmañó, así como as medidas que ten previsto o Ministerio para asegurar alternativas á N-552 mentres duren as obras e garantir así a adecuada mobilidade por estrada.

“Aínda que é certo que, grazas ao BNG e a través dos Acordos de Investidura, logrouse a gratuidade do tramo entre Vigo e Redondela, este aplícase só a través de mecanismos de telepeaxe” subliña a senadora do BNG. Por iso, o BNG sinala a necesidade de que se dea por cumprida “unha demanda histórica da veciñanza” e das forzas políticas e que o Ministerio de Transportes procedese ao levantamento das cabinas de cobranza no tramo da AP-9 entre Vigo e Redondela. Isto sería, neste momento, de gran axuda para asegurar unha alternativa para a circulación atendendo ao comezo das obras na chamada curva de Trasmañó na N-552.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG