O BNG propón destinar o 1% dos orzamentos de 2018 da Xunta á loita contra a violencia mahista

Xornada "Avanzando contra a violencia machista"
Xornada "Avanzando contra a violencia machista"

Ana Pontón advirte que falta conciencia social ante unha violencia que sega máis vidas que o terrorismo, e salienta o papel da educación en igualdade

Xornada “Avanzando contra a violencia machista” coa participación de representantes da xudicatura, dos CIM e dos colectivos feministas

Falta conciencia social, faltan medios materiais e humanos e falta educación en igualdade para poder avanzar na loita contra a violencia de xénero. Unha diagnose na que coincidiron as diferentes ponentes que participaron na xornada de traballo organizada polo grupo parlamentario do BNG na Cámara, baixo o título Avanzando contra a violencia machista.

A portavoz nacional, Ana Pontón, empezou por recalcar a urxencia de incrementar os recursos para loitar contra a violencia machista, cunha medida moi concreta: Destinar cada ano polo menos o 1% do orzamento da Xunta a combater esta lacra, 90 millóns de euros, o que suporía un incremento exponencial dos recursos xa que a día de hoxe a contía é de cinco millóns de euros. “Se é unha prioridade política ten que ser unha prioridade orzamentaria”, reclamou.

Pontón tamén alertou sobre o problema que supón que a violencia exercida contra as mulleres sexa percibida como menos grave que outras violencias que, segundo os datos, causan menos vítimas.

“Hai unha analoxía moi útil para percibir como se valora diferente a violencia de xénero como menos grave e non fai saltar todas as alarmas que saltan cos casos de terrorismo. Pero cando estudamos os datos para analizar que está causando máis dano na sociedade, vemos que desde o ano 2000 no Estado español houbo 678 vítimas de terrorismo pero máis dun millar de mulleres asasinadas pola violencia machista”, argumentou Pontón.

“Non nos alertan do grave problema que supón a violencia de xénero, nin forma parte desa axenda social que debe motivar cambios na actuación dos poderes públicos”, recalcou a portavoz nacional, “non somos capaces de mobilizar todos os medios nin todos os recursos” e, pese aos avances, “queda moito por facer, empezando pola sensibilización social e por unha aposta contundente por unha educación en igualdade”.

Neste sentido, Pontón avanzou que no vindeiro pleno o BNG solicitará programas de formación en igualdade para o persoal docente, “porque é o profesorado o que despois ten que traballar ese tema nas aulas e ten que haber unha vontade colectiva de que iso sexa unha prioridade”.  Por contra,  considera que a campaña da Xunta con motivo do 25N camiña na dirección contraria e debe ser retirada de inmediato.

Xornada Campaña indignante da Xunta

“Indignante e vergoñenta campaña, e non ten ningún tipo de sentido que esteamos financiando con cartos públicos o machismo e a violencia de xénero, e unha barbaridade e teñen que retirar esa campaña por dignidade e porque a Xunta estase situando fora de lei. Rectificar é de sabias e persistir no erro é de irresponsables como está facendo a secretaria xeral de Igualdade e o propio presidente galego que a ampara”, denunciou Pontón, tras pedir que tomen exemplo do Ministerio de Sanidade que ven de retirar unha campaña institucional admitindo que era equivocada.

Xulgados especializados

Igualmente, o Bloque pide xulgados especializados de xénero en todas as cidades, revisar os protocolos de avaliación de riscos que precisan máis medios e máis persoal para levalos a cabo, e facer efectivas dotacións tan básicas como establecer lugares separados para vítima e agresor cando ten que declarar, así como gravar as declaracións das mulleres agredidas para que non se vexan obrigadas a ter que repetila unha e outra vez ao longo do proceso desde que se decide a facer a denuncia.

Entre as participantes a esta xornada, representantes da xudicatura, dos colectivos que traballan coas vítimas e asociacións feministas e de loita contra a violencia de xénero.

En concreto, participaron a Fiscal de violencia de xénero de Santiago, Pilar Fernández; Patricia Arnosa, do Consello da avogacía galega; Mercedes Carreira, avogada e asesora xurídica do CIM, así como representantes da Rede de mulleres veciñais contra os malos tratos de Vigo, do Observatorio da Mariña pola Igualdade, da Asociación contra a violencia de xénero de Lugo, ou de Acadar, Asociación de mulleres con discapacidade de Galiza.

Na xornada fíxose fincapé na importancia de transmitir que, pese a que o que transcende nos medios de comunicacións son case sempre os casos de asasinato,  miles de mulleres logran saír do pozo negro da violencia machista.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG