Parlamento Galego

BNG propón a creación dunha Valedoría de Igualdade para garantir os dereitos das mulleres no sector privado

Noa Presas
Noa Presas

Noa Presas: “Ante a inacción dun PP cada vez máis atado á ultradereita, temos un BNG comprometido con avanzar na igualdade real”

O Bloque rexistrará unha proposición de lei para impulsar e regular este mesmo ano o organismo dende o consenso dos diferentes axentes sociais

A portavoz de Feminismo e Igualdade, Noa Presas, defendeu no Parlamento a proposta “clave e estratéxica” do BNG ante a inacción dun PP “cada vez máis atado á ultradereita”. Trátase da creación dunha Valedoría de Igualdade como organismo independente e innovador  que dea ferramentas e vele polo cumprimento e garantía dos dereitos das mulleres no sector privado.

“Hai unha ofensiva que busca rebaixar as esixencias legais, desde un Milei que ataca o dereito ao aborto —como sempre fixo a dereita— a un Feijóo que anuncia a derrogación da lei trans ou a eliminación da obrigatoriedade das seis semanas de paternidade postparto”, afirmou, avisando que “non son feitos illados” senón “unha ofensiva para quitar dereitos que xa ten consecuencias na sociedade. Como exemplo disto, referiuse ás enquisas que apuntan que unha maioría de cidadáns no Estado cre que o feminismo foi demasiado lonxe e que agora se discrimina os homes.

Nun contexto onde os dereitos lexislados non se garanten ou se cuestionan, avogou por  “reforzar os mecanismos de defensa para que se cumpran”. Para o BNG, se no sistema público —que ofrece máis garantías, mellores dereitos laborais e protección á hora de demandar o seu cumprimento—, aínda se vulneran dereitos e se discrimina as mulleres, na privada a situación agrávase polo medo ao despido, a quedar sinalada ou aos longos procesos que desgastan económica e moralmente a vítima.

Coa creación da Valedoría de Igualdade trátase de “colocar Galiza de novo na vangarda das políticas públicas en defensa da igualdade e cubrir un baleiro que non existe no noso marco político e institucional” e crear algo que non existe,  “un baleiro do que se beneficia o patriarcado e que nos fai ser máis vulnerables e ser ineficaces na loita contra as fendas de xénero”, lamentou Presas.

O novo organismo independente que propón o BNG sería unha ferramenta análoga ás valedorías e defensorías que xa traballan para defender a cidadanía dos incumprimentos da administración, pero que “non existen no ámbito privado”, aclarou. As súas funcións de investigación, mediación e sanción farían “o que hoxe non se fai”, engadiu. Noa Presas advertiu ademais que a xustiza, “saturada, precarizada, lenta e custosa desde o punto de vista persoal”, é a día de hoxe “o único mecanismo ao que acudir ante unha discriminación no ámbito privado”.

Fronte a un Goberno do PP “sen iniciativa política, obsesionado con facer de oposición ao BNG no lugar de aplicar a lexislación de igualdade e en folga de brazos caídos no que respecta á igualdade e cada vez máis atado á ultradereita máis reaccionaria”, Presas contrapuxo un BNG “comprometido con avanzar na igualdade real”, con “non permitir un só paso atrás nin a máis mínima relaxación no avance do dereito das mulleres a unha vida sen discriminación, tampouco no ámbito laboral”, matizou.

“Fonte ás declaracións de intencións, actuacións concretas, fronte ao conformismo, ambición”, expresou, para salientar a continuación que  “aprobar esta iniciativa abriría unha vía para consensuar os termos dun instrumento útil que interveña contra a discriminación no primeiro semestre deste ano”, emprazou.

É por iso que o BNG, segundo anunciou, levará esta proposta de novo a debate a través dunha proposición de lei para a que buscará apoio social, co fin de que poda ser consensuada e aprobada pola maioría da Cámara antes de rematar este ano. 

Autogoberno para ter capacidade de avanzar en dereitos

Noa Presas manifestou na súa exposición que o PP ten en fronte a un BNG que “cre no autogoberno e na capacidade de crear instrumentos propios para avanzar en dereitos, como xa fixemos ao impulsar a lei de violencia machista máis avanzada de Europa”, un BNG que “non se distrae nin vai caer na degradación do parlamentarismo e da política á que nos quere levar o PP”, un BNG que, como alternativa política ao PP, “traballa no concreto, en medidas ambiciosas que atendan as preocupacións das persoas que queremos unha Galiza máis igual, máis feminista e con máis dereitos”.

Despois de que o pasado 8M milleiros de persoas saísen á rúa para pedir avances en igualdade, e de que a día de hoxe siga habendo innumerables dereitos e medidas recollidas no marco lexislativo que non se cumpren na vida diaria, a deputada nacionalista indicou que “debe facernos reflexionar sobre a necesidade de que se muden e actualicen as ferramentas para os facer efectivos” e que “para iso está o autogoberno, para avanzar en dereitos”, rematou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG