O Bloque Nacionalista Galego (BNG) comprométese coa loita contra a violencia machista no marco da renovación do Pacto de Estado e co obxectivo de mellorar a protección das vítimas e avanzar na erradicación de todas as formas de violencia contra as mulleres. A organización nacionalista propón incrementar os recursos, humanos e económicos, destinados a este obxectivo e incorporar na lexislación española os aspectos establecidos no Convenio de Istambul.
O BNG reitera o seu compromiso na loita contra a violencia machista e defende a necesidade dun marco normativo ambicioso que garanta unha protección real e efectiva para todas as mulleres. “É necesario un enfoque integral e feminista que aborde a violencia contra as mulleres e se poñan a disposición todos os recursos dispoñíbeis” indica a senadora do BNG, Carme da Silva.
“O BNG comprométese á renovación desta folla de ruta tan necesario para acabar coa violencia contra as mulleres. Seguiremos apoiando e impulsando esta e outras medidas nas institucións co propósito de lograr un Pacto de Estado máis ambicioso e eficaz na erradicación da violencia contra as mulleres” afirma.
Cumprir co Convenio de Istambul
Entre a medidas clave expostas polo BNG, destaca o compromiso de incorporar na súa totalidade o Convenio de Istambul, garantindo a súa plena aplicación mediante lexislación específica e normativas concretas que aseguren a súa eficacia. Do anterior Pacto de Estado, lembra a senadora nacionalista, existen puntos recollidos nel e contemplados no Convenio de Istambul que aínda continúan sen estar na lexislación estatal e, por tanto, pendentes de executar.
Aumento do investimento para combater a violencia
En materia económica, o BNG propón garantir o financiamento na loita contra a violencia machista. Para iso, expón aumentar os recursos nos próximos Orzamentos Xerais do Estado e reforzar as partidas específicas. De igual maneira, propón aumentar os fondos dirixidos a entidades municipais, concellos e Comunidades Autónomas, para garantir un financiamento suficiente e estábel que permita combater este tipo de violencia.
Reforzar a atención ás vítimas e garantir os dereitos das mulleres
O BNG considera esencial que os centros de crises e abertos as 24 horas para vítimas de violencia sexual sexan servizos públicos de xestión pública, asegurando así unha atención inmediata e especializada. Nesta liña, a formación propón cumprir coa Lei de garantía integral da liberdade sexual, garantindo que as axudas económicas ás vítimas de violencia sexual se activen de forma inmediata.
Neste marco, pretende avanzar na regulación e recoñecemento da violencia obstétrica e, no referido aos ventres de alugueiro ou a xestación subrogada, fomentar a concienciación sobre a mercantilización e explotación do corpo das mulleres. En cumprimento da lei, o BNG manifesta a necesidade de garantir o acceso ao aborto na sanidade pública e o recoñecemento pleno dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres, prestando especial atención a aquelas con discapacidade.
Por último, o BNG aposta por impulsar campañas de concienciación e de loita contra os discursos de odio. Ademais, defende a incorporación da historia con perspectiva de xénero nos plans de estudo, incluíndo a orixe, desenvolvemento e logros do Movemento Feminista, e a divulgación de campañas nas distintas linguas oficiais do Estado.