O BNG conseguiu o apoio unánime dos grupos parlamentarios a unha iniciativa para reclamar ao Goberno do Estado e da Xunta a posta en marcha dun paquete de medidas que axude ao sector do cerco e artesanal a afrontar a “dramática situación” na que se atopa como consecuencia das “raquíticas” cotas e dun sistema de reparto “perverso” en especies como a sardiña, o xurelo ou a xarda.
“O BNG demanda que se acabe con isto, que se deixe de sacrificar sempre aos mesmos e que se esixa máis cota a partir de estudos avalados cientificamente”, asegurou a portavoz de Pesca do BNG, Rosana Pérez, que durante a defensa da proposición non de lei criticou a “nefasta xestión” tanto por parte do Ministerio como da Consellería do Mar, que teñen o sector “abandonado” dende hai anos e “permiten e promoven a paulatina desaparición da frota galega.
Tras os brutais recortes do xurelo do Cantábrico e Noroeste (do 95% no 2023) e o descenso nas capturas da xarda, e coa campaña do bocarte xa pechada, a dependencia que a frota galega ten da sardiña é moito maior tanto no caso do cerco como das artes menores. De aí que a deputada nacionalista emprazase ao Executivo de Rueda a despregar todas as accións precisas para evitar que continúe o amarre da frota, tendo en conta que a cota da sardiña xa se esgotou en agosto.
A deputada da comarca do Barbanza puxo o acento na discriminación que sofren os barcos galegos no reparto desta especie, pois este ano Asturias, Cantabria, Euskadi e Galiza, que suman máis de 200 barcos cerqueiros -150 deles galegos- dispoñían dunha cota de 8.130 toneladas de sardiña, mentres que ao Golfo de Cádiz, con 76 barcos, outorgáronselle 6.340 Tn.
“Estamos a falar dun sistema absurdo e perverso que o Goberno promove e consinte e diante do que a Xunta tampouco move un dedo para denuncialo e impedilo”, sostivo durante o debate da súa proposta, para engadir que “Galiza, que ten os barcos, a frota e os tripulantes está amarrada a porto por falta de cota que acaba comprando noutra zona do Estado -aos armadores do Golfo de Cádiz- para poder subsistir”, dando pé “á especulación dun ben público por parte de particulares”.
Rosana Pérez referiuse tamén á “bolsa común” posta en funcionamento para a sardiña no 2023, un mecanismo que este ano volveuse demostrar ineficaz. “Véñense de conseguir 1.300 toneladas de sardiña, pero os barcos que xa superasen o 110 % da cota adquirida, comprada para non estar amarrados dende agosto, non teñen dereito a ela, o que fai que 780 tn. vaian ao Golfo de Cádiz e menos de 400 para Galiza (140), Asturias e Cantabria”, detallou.
“É absolutamente absurdo”, considerou, para pedir cambios nun mecanismo polo que “incluso se podía dar o caso de que o Golfo de Cádiz vendera toda a sardiña sobrante antes de incorporarse ao reparto gratuíto, coa gravidade de que os barcos máis pequenos que non tiveran posibilidade de compra quedarían fóra ademais da posibilidade de acceder a través da bolsa común”.
Estudos para coñecer os stocks reais, pago das axudas e prezos rendíbeis
Entre outras medidas recollidas na iniciativa, Rosana Pérez reclamou tanto á Xunta como ao Goberno do Estado que leven a cabo estudos científicos que determinen a situación real dos stocks de sardiña, xurelo, xarda e bocarte para un establecemento acorde dos TAC en cada caso, permitindo a planificación do sector e a súa viabilidade a longo prazo.
Ademais de exixir o pago inmediato aos afectados das axudas do 2023 polo paro biolóxico do xurelo, outras das cuestións aprobadas a iniciativa do BNG e demandar ao Ministerio de Pesca que negocie un reparto equitativo da cota da sardiña con Portugal no próximo acordo bilateral, tendo en conta o número de buques e de tripulantes en cada caso. Tal e como se explica na iniciativa nacionalista, España ten asignada o 33 % da cota da sardiña, malia que ten 300 cerqueiros, mentres que o país veciño, con 110 barcos censados en 2022, correspóndelle o 67 % restante.
Entre outras cuestións, a PNL empraza tamén do Executivo do Estado a demandar da UE, de cara á negociación de cotas para 2025 no vindeiro mes de decembro, que ademais das cuestións medioambientais, se atendan cuestións económicas e sociais á hora de fixar as cotas das distintas especies, tal e como estableceu a sentenza do 11 de xaneiro de 2024 dictada polo Tribunal de Xustiza da UE.
A iniciativa, debatida e aprobada na Comisión de Pesca, insta así mesmo á Xunta, a través da Consellería do Mar, a promover un acordo con sector sobre as medidas necesarias para por en valor a calidade dos produtos pesqueiros galegos e permitan aos seus produtores manter uns prezos rendíbeis en orixe.