A portavoz nacional, Ana Pontón, presentou a primeira campaña do BNG para este 8 de marzo “que durará o ano enteiro, porque a igualdade non se reivindica un só día, constrúese os 365 días do ano”, indicou.
A líder do BNG quixo denunciar como, cada 8 de marzo, institucións e entidades privadas conmemoran o Día Internacional das Mulleres pero “non é suficiente se non hai un compromiso para que a igualdade exista o resto dos días do ano”. “Iso chámase purplewashing”, indicou, “un lavado de imaxe nun día concreto pero sen ter un compromiso real para que a igualdade se converta nunha realidade”.
Reivindicando que o feminismo ten que estar presente cada día e baixo o lema “imos estar aquí o 8M e os 365 días do ano”, o BNG presenta unha campaña viva, coa que reafirmar o seu compromiso feminista e denunciando as desigualdades que aínda existen no noso País.
Ao longo dos próximos 12 meses o MUPI escollido para situar a campaña na rúa irá mudando a súa parte dinámica para incorporar unha nova proposta. “Cada mes haberá unha denuncia e unha alternativa, ao tempo que damos a coñecer as nosas propostas para construír unha sociedade máis xusta na que as mulleres sexamos verdadeiramente iguais” declarou Pontón.
Neste mes de marzo a denuncia céntrase na fenda salarial “porque as mulleres aínda soportamos teitos de vidro que impiden que poidamos exercer os nosos dereitos e cobramos 4.200 euros menos que os homes ao ano”, denunciou a líder do Bloque.
Fronte a isto, a proposta comezará coa creación da Valedora da Igualdade, cuxa lei de creación se rexistrará hoxe mesmo no Parlamento. Trátase dun organismo autónomo cuxa finalidade é velar pola garantía dos dereitos das mulleres no sector privado, promovendo a igualdade e loitando contra a discriminación. Este organismo terá capacidade de impulsar sancións “porque hai moitos dereitos que a día de hoxe xa están recollidos na lexislación, no papel, pero non se están garantindo na realidade”, subliñou.
“Esta campaña non dura só o 8M, durará os 365 días do ano porque a desigualdade está aí e no BNG queremos que a igualdade non sexa unha utopía, senón unha realidade cara a que camiñemos máis rápido, concluíu.