A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG presentará hoxe un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional dadas as imposicións e vetos do PP na comisión que investiga os seus chanchullos na contratación pública e que “vulneran os dereitos fundamentais” dos deputados e deputadas do Bloque, forza política que impulsou a comisión.
Pontón argumentou a presentación do recurso nas decisións “autoritarias e antidemocráticas” dun PP que en primeiro lugar vetou “de plano e sen motivación” o plan de traballo do BNG, impedindo deste xeito a incorporación de comparecencias e documentación claves na investigación e, en segundo lugar, impoñendo unilateralmente o seu propio plan, o que lesiona os dereitos fundamentais das e dos deputados e impide o normal funcionamento da comisión.
“En particular, denunciamos ante o Tribunal Constitucional a vulneración do noso dereito fundamental como representantes da cidadanía á participación política e a exercer o control da acción do Goberno”, afondou a portavoz nacional, quen explicou que o recurso ten un dobre obxectivo.
En primeiro lugar, impugnar esa imposición unilateral do plan de traballo por parte do PP e, en segundo, impugnar tamén a decisión da mesa da comisión de desestimar a solicitude de revogación desa imposición do plan, petición de revogación que foi presentada polo BNG o pasado 18 de novembro.
Nunha comparecencia xunto aos deputados e deputadas que forman parte da comisión, a líder nacionalista denunciou que a actitude dos populares ten por obxectivo “cercenar o funcionamento da comisión” ao impoñer de maneira unilateral os comparecentes, impedir o acceso a documentación que é “fundamental” para o desenvolvemento dos traballos de investigación e utilizar un “manexo arbitrario dos tempos” para “liquidar canto antes” a comisión.
Pontón explicou que existe unha “xurisprudencia extensa” que avala a presentación do recurso e que confirma que o PP “lesionou de cheo o dereito fundamental dos deputados e deputadas do BNG para acceder en condicións de igualdade ás función e cargos públicos”, tal e como se recolle no artigo 23.2 da Constitución, ao “limitar arbitrariamente e impedir a nosa función de control ao Goberno”, recalcou.
No recurso, xustifícase a especial transcendencia que ten a vulneración destes preceptos constitucionais polo que o BNG solicita ao Constitucional que “anule todas as actuacións unilaterais impostas polo Partido Popular”, afondou, e retrotraia a comisión “ao momento da elaboración e decisión do plan de traballo”.
“Entendemos que isto é fundamental para que esta comisión de investigación poida cumprir os seus fins e para que non se vulneren os nosos dereitos como deputados e deputadas, que é o que está facendo o Partido Popular coa súa actuación nesta Cámara”, alegou.
A portavoz nacional atribuíu os “abusos de poder” do PP co que pretende “darlle carta de normalidade a unha forma de actuar que é un ataque directo ao corazón da democracia” ao seu temor á comisión. “O Partido Popular teme esta investigación porque ten moito que ocultar”, afirmou para lembrar a continuación os 1.573 contratos por valor de sete millóns de euros a dedo nos últimos seis anos á empresa que dirixe en Galiza a irmá do expresidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Un Núñez Feijóo que, pese a ser “o máximo responsable dos feitos que se investigan”, non comparecerá polo veto do PP ao plan de traballo proposto pola formación nacionalista, recordou Pontón, quen criticou “a deriva autoritarista e antidemocrática dun Partido Popular que pensa que as institucións son a súa finca particular”. “O disparate é de tal magnitude que é como se estivésemos nun xuízo e só unha das partes puidera solicitar comparecentes ou testemuñas”, exemplificou.
Pese a todo, a líder nacionalista enviou unha mensaxe moi clara ao PP: “Por moito que se empeñen en intentar ocultar estes 15 anos de chanchullos, desde o BNG imos ir até o final, tanto dentro como fóra da comisión, para que saia á luz toda a verdade á que teñen dereito os galegos e as galegas”.
Pontón insistiu en que coa presentación do recurso ante o Constitucional, o Bloque está dando un paso adiante “en defensa da democracia e da verdade” porque non se pode permitir, afondou, que se “vulnere o funcionamento democrático” do Parlamento e os dereitos dos deputados e deputadas e, sobre todo, porque a cidadanía ten dereito a coñecer “a verdade” sobre como o PP xestionou durante os últimos 15 anos recursos públicos que, segundo “moitos indicios”, benefician a “empresas vinculadas a altos cargos do PP” ou “a construtoras” como no caso do hospital Álvaro Cunqueiro, concluíu.