O BNG PRESENTA UN PROGRAMA ELECTORAL PARA ENFRONTAR AS POLÍTICAS ANTISOCIAIS DA DEREITA EUROPEA

CONSELLO NACIONAL 5 ABRIL 2014“É un programa electoral para a Galiza insubmisa, para a cidadanía que non se resigna, un programa de defensa da economía produtiva, dos dereitos sociais, da clase traballadora e de todos aqueles que están sendo agredidos polas políticas da dereita europea e española, un programa que representa a rebeldía de quen non se resigna a ser vítima dunhas políticas neoliberais que esnaquizan as conquistas, os nosos dereitos e o noso futuro”.

O portavoz nacional, Xavier Vence, definía así o programa electoral que o BNG presenta ás eleccións europeas aprobado por unanimidade polo Consello Nacional, marcado polo seu carácter social, de apoio aos sectores produtivos, en defensa dos servizos públicos e dos dereitos individuais, que quere reducir o déficit democrático da UE e que aspira a unha Galiza soberana en Europa. “E o resultado final dun proceso de participación colectiva con achegas de moitos colectivos sociais, económicos e a título individual de moitos cidadáns”, subliñou Vence.

Un programa social

O BNG inclúe propostas concretas e moi específicas en defensa da clase traballadora e da maioría social, en particular dos colectivos más vulnerables nun país cun 20% da poboación vivindo en risco de exclusión social.

Neste sentido, demanda introducir unha renda social europea mínima en todos os estados membros para impedir o actual proceso de empobrecemento de amplas capas da poboación, incrementar o número de produtos e de servizos básicos aos que se lles aplica o IVE supereducido, en concreto a luz, gas ou agua, agora gravados ao 21%. Crear un parqué de vivendas públicas en aluguer,a partir dos pisos propiedade dos bancos rescatados con fondos europeos, para facilitar o acceso a unha vivenda as persoas que teñan máis dificultades. Igualmente, se propón reforzar o sistema de pensión, suprimindo os incentivos aos plans e seguros privados .

Débeda ilexítima

No paquete de medidas contra o déficit democrático das institucións europeas, o BNG propón erradicar os paraísos fiscais na UE e limitar o movemento de capitais cara paraísos fiscais, gravar as transaccións financeiras especulativas e homoxeneizar a política impositiva ás grandes fortunas.

Vence subliñou a proposta nacionalista para auditar a débeda dos estados cuxa banca foi rescatada con fondos públicos, como é o caso do Estado español, para establecer “que parte desa débeda que se botou nas costas do contribuínte é ilexítima e polo tanto non ten que ser asumida e debe ser automaticamente anulada”.

Limitar a acción dos lobbies ligados a intereses económicos privados, mudar o papel do BCE e control dos orzamentos da Comisión e do Consello de Ministros na Eurocámara completan as medidas de democratización propostas polo Bloque.

Programa de apoio aos sectores produtivos

Declarar Galiza zona altamente dependente da pescae, para a frota de baixura, suprimir os límites de capturas que representan os TACs tendo en conta que usa artes de pesca selectivas. Para este segmento, un Fondo para a renovación das embarcacións que financie melloras nas condicións de traballo, habitabilidade e seguranza a bordo.

No sector agrario, mecanismos que permitan configurar prezos xustos dos alimentos, regulando as marxes de beneficio en cada eslavón da cadea, un fondo lácteo para compensar as explotacións pola supresión da cotas leiteiras e promover unha PAC que garanta a soberanía alimentaria con produtos de calidade que favoreza aos produtores do país.

No sector naval, o BNG vixiará o levantamento do veto e propón un programa de axudas que implique investimentos e actualización tecnolóxica tras anos de ter prohibido a construción naval civil.

Galiza, circunscrición electoral

O programa electoral inclúe medidas para avanzar na soberanía do país, como a presenza directa nos Consellos de Ministros da UE, con capacidade de voto e de veto en todos aqueles asuntos que lle afecten directamente. Xestión plena dos fondos, establecer Galiza como circunscrición electoral e recoñecer a lingua galega como oficial para o seu uso no Parlamento, aínda que o BNG ven usando con normalidade a grafía galego-portuguesa nas súas intervención na Cámara.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG