O BNG presenta a Lei de Memoria Histórica de Galiza, “avanzada, esixente e comprometida coas vítimas”

Luís Bará e Ana Pontón
Luís Bará e Ana Pontón

Inclúe unha comisión da verdade, un programa de identificación e exhumación, a recuperación do patrimonio espoliado e un organigrama ao máximo nivel institucional

O texto queda a exposición para a presentación de aportacións na web do Bloque, e será rexistrado no Parlamento en setembro

O BNG presentou a súa proposta de Lei de Memoria Histórica de Galiza nunha data simbólica como homenaxe ás vítimas e a todas as persoas que loitaron contra o golpe fascista que hoxe cumpre 82 anos. Pese ao tempo transcorrido, non existe unha verdadeira política de recuperación da memoria nin de recoñecemento e restitución das vítimas.

A proposta de lei que presenta o Bloque é froito do traballo colectivo durante meses con moitas entidades e individualidades, e quere fixar o marco xurídico das políticas da memoria en Galiza. Segundo o deputado nacionalista impulsor e coordinador do texto, Luís Bará, “permitirá comprobar se o PP está disposto a dar pasos adiante máis aló de xestos de branqueo e de lavado de cara e ver se deixa de actuar de testaferro ideolóxico do franquismo”.

Partindo da normativa internacional, dos avances normativos e do traballo dos colectivos galegos a prol da memoria, a proposta lexislativa do Bloque “é moi avanzada, esixente e comprometida”, ten carácter transversal con máximo rango institucional vinculada a Presidencia e está estruturada en cinco títulos e oito disposicións adicionais.

O título primeiro céntrase no dereito á verdade e recolle a creación dunha comisión da verdade, unha oficina de atención ás vítimas e un instituto da memoria que coordine todos os traballos. Bará explicou que este título tamén inclúe a elaboración dun censo das vítimas, “que 40 anos após Franco aínda no existe”, e un programa institucional de localización, exhumación e identificación das vítimas soterradas en fosas comúns.

“É un escándalo democrático que aínda existan miles de persoas soterradas nas cunetas, persoas que loitaron por Galiza e por valores que hoxe consideramos dignos de homenaxe”, salientou o deputado.

Apoio ao movemento memorialista galego, a prohibición de actos ou simboloxía contraria á democracia, divulgación da memoria histórica desde a investigación, desde o ensino e desde os medios de comunicación públicos figuran no título segundo da lei. O capítulo terceiro recolle o organigrama institucional e administrativo de desenvolvemento da lei, así como un consello de participación social.

Contra o esquecemento

Tamén se inclúe un réxime sancionador para aquelas persoas ou entidades que non respecten a memoria colectiva das vítimas. “Queremos destacar o valor de cohesión social e de fortalecemento da democracia que ten a memoria histórica porque, ademais do necesario recoñecemento ás vítimas e as súas familias, tamén nos trae un gran beneficio social nunha democracia digna de tal nome”, concluíu Bará.

“Fronte ao esquecemento, esta lei aposta pola xustiza, pola verdade e pola reparación”, salientou a portavoz nacional, Ana Pontón. Para eliminar o pouso que aínda pervive “da longa noite de pedra”, -argumentou-, “esta lei avanzada, moderna e integral quere facer xustiza a todas as vítimas, abrir novas vías para recuperar o patrimonio espoliado e promover unha política pública de recuperación da memoria en Galiza”.

“É unha cuestión de saúde democrática que tamén debe servir para recoñecer os erros da Transición que, en moitos aspectos,  foi un pacto coas elites da ditadura”, salientou a portavoz nacional, quen denunciou a impunidade da que aínda goza o franquismo.

Franquismo sen Franco

Neste sentido, alegou, o contraste entre os 60.000 euros a familia franco simplemente por cumplir coas súas obrigas nun Pazo de Meirás con categoría BIC, mentres se destinaba cero euros a lei da memoria.

“O anacronismo dunha Monarquía que por riba está baixo a sombra da corrupción mesmo co Rei emérito, a cultura centralista que nega os dereitos das nacións, que persegue a discrepancia e que mesmo permite esperpentos como que haxa persoas denunciadas por reclamar a devolución do Pazo de Meirás ou da Casa Cornide”, indicou Pontón,  exemplos de “ese franquismo sen Franco” que denuncia o BNG.

Hai máis de 7.000 vítimas galegas do Franquismo que aínda hoxe, 82 anos despois do golpe fascista, esperan xustiza, verdade e reparación, fins que inspiran esta proposta lexislativa, que agora queda en exposición pública na web do Bloque aberta ás aportacións. O texto será rexistrado no Parlamento para o seu debate en setembro.

 

Descarga:

 

 
 
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG