O BNG presenta emenda de totalidade á reforma das pensións porque se recortan para favorecer á banca

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, presentou esta tarde na Cámara Baixa unha emenda á totalidade ao proxecto de lei de reforma das pensións porque a única pretensión do Goberno é a de favorecer e impulsar o negocio dos plans de pensións da banca.

No texto presentado, Davila afirma que o Goberno de Rajoy “só quer potenciar os plans de pensións privados como novo agasallo ao sistema financeiro. Deste xeito, as pensións dos nosos maiores se convertirían noutra materia coa que comerciar como se está afacer coa sanidade, coa educación e cos servizos sociais”.

A tan manida sostenibilidade “é só unha excusa facilona”

A portavoz do BNG critica que se argumente outra vez a pretendida “sostenibilidade do sistema”, o mesmo argumento que empregou o anterior Goberno para recortar as pensións. Davila critica que apenas dez meses após de entrar en vigor a anterior reforma das pensións, “este Goberno, non contento co tesourazo realizado, insiste en continuar recortando o sistema público de pensións, parapetándose na mesma xustificación que sostivo a mala praxe do anterior Goberno”.

Para Davila a “tan manida sostenibilidade do sistema non é máis que a excusa facilona dos Gobernos de turno para xustificar e encubrir o que claramente son recortes nas pensións públicas”. A solución, enfatiza a deputada do BNG, non está en recortar as pensións senón en impulsar políticas destinadas á creación de emprego de calidade e con níveis salariais dignos que melloren as cotizacións ao Sistema Público de Pensións.

Os grandes beneficiarios: a banca

Ademáis, critica que se desliguen as pensións do IPC. “Vostedes socavan o camiño para que os pensionistas perdan poder adquisitivo a partir de 2014. É unha estratexia de empobrecemento cando moitos dos nosos maiores subsisten cun nivel de ingresos moi baixo, e debido ás altas taxas de desemprego se convertiron no único sostén de moitas familias”.

Recalca que o 50% das pensións contributivas do estado se sitúan por debaixo dos 650 euros mensuais, e o 27,7% teñen complementos a mínimos, “unha situación que se vive con especial dramatismo en territorios como o galego que conta coas pensións máis baixas do estado”.

Para Davila os “grandes beneficiarios desta reforma van ser os fondos de pensións e a banca que contarán cun novo espazo para obter beneficios a costa de moitos traballadores”. Deixa claro a deputada nacionalista que o BNG está totalmente en contra de que se recorten outra vez as pensións. “Hai outras medidas, outras solucións que se poden adoptar. Hai un flanco que se debe abordar con urxencia porque ante unha situación de deficiencia no financiamento da Seguridade Social, o primeiro que debería facer o Goberno é actuar sobre ingresos, reformando o sistema fiscal para facelo máis xusto e progresivo”.

Sen esquecer, puntualiza, a loita contra a fraude fiscal e a evasión fiscal.

A portavoz do BNG pedirá a devolución do proxecto de reforma das pensións ao Goberno no pleno do vindeiro xoves 31 de outubro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG