parlamento galego

BNG presenta diversas iniciativas para desbloquear a parálise do termalismo en Ourense, reformar a actual lei e incrementar os investimentos no sector

Noa Presas, portavoz de Economía
Noa Presas, portavoz de Economía
Noa Presas lembra que na actualidade existen menos termas operativas na cidade dende que Feijóo entrou no goberno hai 14 anos

O BNG quere rematar coa “parálise” do termalismo en Ourense e denuncia  que na actualidade hai menos termas operativas dende que Feijóo accedeu ao goberno hai 14 anos ao que sumou o sistemático incumprimento da lei do termalismo.

Neste sentido, a deputada nacionalista, Noa Presas anunciou que o BNG xa rexistrou diversas iniciativas para desbloquear esta parálise derivada, na súa opinión, da nefasta xestión política da Xunta “contraria ao modelo público” que xa existía en Ourense e por ter facilitado a alcaldía, en dúas ocasións, a unha persoa moi interesada en eliminar o termalismo.

Presas cualificou o proceder da Xunta de “demolición termal” como constata a creación dunha área termal en Ourense da que “nada se sabe”, agás “titulares e propaganda”. Ourense, recalcou a deputada, continúa “sen investimentos e instalacións”, sen acondicionar as existentes e cun modelo centrado exclusivamente no turismo.

A xuízo da deputada, “Ourense non pode renunciar ao termalismo porque conta cun gran potencial, xera riqueza e unha importante actividade económica.

As iniciativas rexistradas dixo, buscan desbloquear a parálise do termalismo a través do compromiso e colaboración das diversas administracións, a reforma da Lei de termalismo para que deixe de ser un obstáculo e a “compensación” a Ourense “pola desfeita destes anos”. Nesta liña, explicou que o BNG solicitará nos vindeiros orzamentos do ano 24 “un Plan económico de compensación para acometer  todas as melloras que permitan a operatividade das instalacións termais” así como a creación de novos espazos e recursos.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG