O BNG pregunta á Xunta que vai facer para evitar o peche da marca Banco Pastor e protexer o emprego

Banco Pastor
Banco Pastor

Advirte que están en xogo 1.100 empregos nun sector que leva perdido en Galiza 5.000 postos de traballo desde 2009

O BNG dirixe unha interpelación ao Goberno galego para que explique se tira a toalla ou ten pensado facer algo para evitar o peche definitivo da marca Pastor e manter a ficha bancaria desta entidade para preservar o emprego e unha vinculación co tecido económico e empresarial galego.

Salienta a formación nacionalista que, no mes de xuño do 2017, o presidente da Xunta comprometeuse a mediar coa dirección do Banco Santander para que o Banco Pastor se mantivera en Galiza, sen que haxa ningún resultado ata agora, polo que o Bloque pide a Feixóo que aclare cal é a súa posición e que pensa facer ante os novos pasos anunciados polo Santander cara a extinción da marca galega.

A formación nacionalista entende que a unificación e centralización terían “nefastas” consecuencias como a perda de postos de traballo, que se sumarían aos 5.000 empregos que desapareceron en Galiza desde 2009 por mor do proceso de concentración bancaria.

“Estamos de novo diante dun proceso de destrución de emprego e de perda de capacidade financeira a expensas do que decidan en Madrid, en base aos seus intereses e non aos de Galiza”, salienta Prado na súa iniciativa parlamentaria.

O Santander tras a adquisición do Pastor por un euro converteuse na segunda entidade en cota de mercado en Galiza chegando case ao 29%, “mais a costa de deixar tirad@s a traballadores e traballadoras”, por iso o Bloque súmase á preocupación do persoal. “É preciso defender o mantemento do Pastor en Galiza pola relevancia que ten para o país, tanto desde o punto de vista do negocio como do emprego, porque permite maior proximidade ao mercado galego, ao tecido económico e produtivo e ademais tributa aquí” argumenta Prado.

A desaparición do Banco Pastor suporía un grave prexuízo colectivo pola perda dunha entidade galega e porque pon en xogo a metade dos 2.200 postos de traballo existentes na actualidade, moitos con idade superior aos 50 e, polo tanto, de difícil recolocación laboral.

Por iso, o BNG quere saber cales foron as xestións do presidente a Xunta até agora e insta ao Goberno da Xunta a realizar todas as actuacións precisas diante do Banco Santander para manter en Galiza o Banco Pastor como marca diferenciada, en base ao arraigo e recoñecemento da mesma, porque permite cercanía e apoio ao mercado e tecido económico galego e porque resulta imprescindíbel para o mantemento do emprego.

 

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG