O BNG pregunta no Parlamento pola eliminación dos sinais en galego da AP-9

Ana Pontón cualifica de “esperpento” que Tráfico multe a concesionaria (Audasa) por empregar o idioma galego nos sinais “peaxe-toll” e pide que o Goberno actue contra esta medida.

A deputada nacionalista rexistra unha pregunta parlamentaria sobre as actuacións previstas pola Xunta de Galiza para evitar a eliminación da sinaléctica en galego tras colocar Audasa adhesivos enriba dos sinais en galego na autoestrada AP-9.

A parlamentaria salienta que nos últimos días, a concesionaria da AP-9 eliminou os sinais en galego por mor das multas impostas por Tráfico . Hai que lembrar que estes eran os únicos sinais que existían en galego nesta autoestrada que discorre “integramente por territorio galego” e privatizada a prezo de saldo por Aznar, sinais que agora só figuran en inglés e español.

A parlamentaria cualifica de “esperpento” que Tráfico impoña multas pola utilización do galego en Galiza e na súa opinión, este proceder é unha mostra máis do desprezo cara a nosa lingua.

A deputada asegura que non é “coincidencia” que xusto no momento de maior “ofensiva” contra a lingua galega, “ofensiva españolizadora” parafraseando ao Ministro Wert, Audasa decida elimar o galego dos sinais da AP-9.

Para a nacionalista, esta actuación responde á directriz marcada polo Partido popular contra o idioma galego nas súas multiples expresións e pide que o Goberno galego actúe en defensa do noso idioma.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG