congreso

BNG pregunta ao ministerio se garante o remate en 2024 dos dous primeiros tramos da variante de Ourense do AVE, dada a lentitude nas obras

Néstor Rego
Néstor Rego
Néstor Rego quer que o Ministerio de Transportes informe se haberá un retraso no calendario fixado en relación ás obras nos tramos de Taboadela-Túnel de Rante e Túnel de Rante-Seixalbo “dada a pouca actividade que rexistran”.

O portavoz do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, presentou varias preguntas dirixidas ao Ministerio de Transportes, para que aclare se garante o remate dos dous primeiros tramos da Variante de Ourense do AVE no ano 2024, tal e como se comprometeu a Secretaría de Estado de Transportes.

Néstor Rego interpela ao Ministerio dado o lento ritmo que se observa na evolución das obras nos tramos de Taboadela-Túnel de Rante e Túnel de Rante-Seixalbo.

Un ritmo de execución que compromete os prazos e os fondos

As actuacións deron comezo nos nestes dous tramos que suman 8 quilómetros, pero “ao ritmo que van é doado augurar unha demora significativa nos prazos anunciados, e o incumprimento do calendario publicitado”, afirma Rego, quen subliña a preocupación “no retraso na execución do primeiro tramo, o de Taboadela-Túnel de Rante, xa que é un proxecto financiado con Fondos Next Generation e está suxeito a un límite de prazos para a súa posta en servizo”.  

Neste sentido, o deputado do BNG alega que dos tres viaductos a construir no primeiro tramo da Variante, o de Taboadela-Túnel de Rante, só está nunha fase avanzada un deles, o que atravesa o río Taboadela. O viaducto máis grande que vai cruzar o río de Mesón de Calvos non ten ningunha caste de actividade, co cal, afirma Néstor Rego, “moito nos tememos que non se vaian cumprir os prazos estipulados”.

Debe haber transparencia no calendario

Asemade, tampouco “hai movemento na zona onde se ubicará o terceiro viaducto, pouco antes do túnel de Rante”, indica Rego, para quen “este baixo ritmo de actividade compromete claramente os prazos temporais”. Razón pola que interpela ao Ministerio de Transportes para que concrete se é posíbel dar cumprimento ao calendario marcado.

Sinala que segundo as previsións temporais contempladas no contrato, supónse que a finais de 2023 debería estar rematado o 70% da actuación e quedaría pendente un 30% para o 2024.  Por eso demanda ao Ministerio que informe sobre a situación das actuacións en cada un dos dous tramos, e sobre todo, no concerniente ao do subtramo Taboadela-Túnel de Rante, proporcionando información sobre a planificación para cada un dos tres viaductos previstos.

En definitiva, Néstor Rego considera oportuno que o Ministerio clarexe se está a manexar un novo calendario para a execución destes dous tramos da Variante, e de ser así, pídelle que o explique.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG