Galegas 2020

O BNG plantexa un Plan Xeral de Seguranza Viaria para a rede de estradas galegas

Poio
Poio

O cabeza de lista Luís Bará aposta por realizar unha auditoría para ter unha diagnose exacta dos puntos negros existentes nas vías da XuntaNunha visita ao concello de Poio avogou por retomar o proxecto do ‘Vial Norte’ para aliviar o tráfico e urbanizar con calidade a zona de A Barca

O cabeza de lista do BNG por Pontevedra, Luís Bará, asegurou hoxe que o BNG desenvolverá dende o Goberno galego despois do 12X un novo Plan Xeral de Seguranza Viaria para a rede de estradas autonómicas que terá como obxectivos prioritarios mellorar a mobilidade peonil e ciclista e resolver a violencia viaria localizada nas travesías urbanas. O nacionalista presentou as propostas en materia de mobilidade e seguranza viaria do Bloque ao pé da PO-308 en Poio, onde en clave local avogou por retomar o proxecto do ‘Vial Norte’ para aliviar o tráfico e poder urbanizar con calidade a zona de A Barca.

Na batería de medidas para solucionar a violencia viaria que sofren as estradas autonómicas Bará destacou que é esencial realizar unha auditoría de toda a rede viaria, xa que ao seu entender nestes momentos hai treitos que son puntos negros de moita sinistralidade, poñendo como exemplo a propia PO-308, que acumula un grande número de accidentes e de mortes nos últimos anos. “Hai que coñecer exactamente cal é a situación, ter unha diagnose exacta e clara dos problemas que xa podemos percibir a simple vista”, subliñou.

A partir de aí, explicou Bará, o BNG propón desenvolver un plan xeral de actuación de para a mellora da seguridade viaria centrada principalmente na mellora da mobilidade peonil e ciclista –por seren os dous colectivos máis vulnerables-, e con especial atención ás travesías urbanas, xa que é aí onde se producen a maior parte dos atropelos de peóns e a maior parte dos sinistros mortais. Segundo indicou, este plan desenvolveríase a oito anos vista, acometendo actuacións en fases por todo o país.

Redución da velocidade

Xa en clave local, e concretamente con respecto á PO-308, Bará sinalou que é unha vía cunha elevadísima intensidade de tráfico nunha zona con moita intensidade urbana e de poboación, polo que subliñou que son necesarias actuacións urxentes e integrais.

“Aquí o BNG propón, máis alá das actuación parciais que está a facer a Xunta de Galiza, unha actuación global de mellora da seguranza viaria con especial atención ao treito de A Barca, unha zona plenamente urbana, na que é imprescindible activar un proxecto que leva parado once anos, que é o ‘Vial Norte’ ou ‘Vial do Vao””, dixo, explicando que esa alternativa permitiría sacar o tráfico de paso da zona de A Barca e acometer outra actuación imprescindible que é a urbanización deste treito. “Dese xeito converteriamos a estrada nunha rúa, de maneira que se integre na trama urbana, que sexa unha zona urbanizada de calidade, con características plenamente urbanas e non dunha estrada de paso como é agora”, abondou.

O cabeza de cartel para o 12X destacou que de maneira inmediata son necesarias medidas de redución da velocidade, “porque tal como está agora a PO-308 está habendo continuamente accidentes e atropelos e é unha situación que non se pode consentir. Un goberno do BNG actuaría inmediatamente para corrixir e cambiar o funcionamento desta estrada”, finalizou.

Bará realizou estas declaracións nunha visita ao concello de Poio, onde estivo acompañado polas concelleiras Marga Caldas e Raquel Fernández, así como por militantes e simpatizantes da formación nacionalista.

Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG