O deputado do BNG, Luís Bará defendeu hoxe, na comisión de Ordenación do Territorio, unha proposición non de lei destinada a mellorar a seguridade viaria na estrada PO-331 nos puntos quilométricos 11,200 e 14,600.
Bará pediu á Xunta que atenda as alegacións ao proxecto de reforma presentadas pola -Asociación Veciñal Galiñeiro de Vincios- para mellorar as necesidades de mobilidade dos residentes así como diversas alternativas para saídas do Monte Galiñeiro, Atalaia, intersección coa estrada do Salgueiro e os accesos ao centro cultural e o barrio da Seca.
Ademais, criticou que o proxecto non teña en conta o impacto na contorna por mor dos itinerarios e tráfico no treito da intersección de subida ao Galiñeiro até a Glorieta de Santa Lucía.
Por outra parte, o proxecto, recalcou, “non atende ás necesidades das persoas que residen na parroquia ao dificultar a mobilidade peonil cos pasos de peóns proxectados e a supresión de espazos para estacionamentos.
Nestes tramos, afirmou “prodúcense un número elevado de accidentes” na maior parte por exceso de velocidade e non respectar as distancias e neste sentido, o proxecto non inclúe ningunha medida específica que garanta limitar a velocidade como “pasos de peóns elevados, semáforos accionados por velocidade, ou redución da velocidade máxima”.
O deputado reclamou, “reformar o proxecto” incluíndo medidas alternativas para reducir o tránsito de vehículos pola PO-331 potenciando “a utilización da autovía AG-57, eliminando a actual peaxe ou, de maneira transitoria reducíndolla aos residentes e empresas radicadas no Val Miñor.
BARÁ CRITICOU O DESPREZO DA XUNTA COA VECIÑANZA
Pola súa parte, o voceiro do Partido popular, Jacobo Moreira anunciou o voto en contra da proposta defendida polo deputado do BNG, Luís Bará que na quenda de réplica volveu defender as alternativas ao proxecto para reformar a PO-331 e eliminar as peaxes da autovía AG-57. Vostedes afirman que se reuniron coa veciñanza pero “caso non lle fixeron ningún”.
O deputado lamentou que, unha vez máis, “o Partido popular non atenda ás reclamacións da veciñanza” e lembrou que o BNG propón na emenda transversal nos orzamentos para o 19, “un plan sectorial centrado na seguridade viaria”.