“Hai que cambiar a ubicación para buscar unha solución satisfactoria para todas as partes que actúan no Porto da Pobra”, salientou a portavoz de Pesca, Montse Prado, tras deixar claro que o BNG non se opón a instalación dos contedores, “evidentemente non estamos en contra de que unha empresa precise máis espazo para realizar as súas actividades”, recalcou, pero debe buscarse unha alternativa que no prexudique ao resto de actores que traballan no porto pobrense.
O BNG puxo enriba da mesa como proposta a posibilidade de utilizar os terreos que Portos de Galiza ten sen uso nese mesmo peirao. “Teñen unha zona ociosa, sen ocupar dunha dimensión importante na que collería sen problema este proxecto, non digo que sexa a única ubicación, poderá haber outras, pero o que si lles emprazamos desde o Bloque é a que rectifiquen e busquen unha localización que sexa satisfactoria para todas as partes que operan no peirao da Pobra”, demandou Prado.
A deputada nacionalista subliñou a importancia que ten este porto no desenvolvemento económico e na xeración de emprego non só no concello que o alberga senón en toda a comarca, “pois acolle as descargas de gran parte dos túnidos demandados e manipulados polas firmas transformadoras instaladas no Barbanza e tamén fora”, indicou, en particular as conserveiras, “que basean parte da súa fortaleza empresarial na proximidade e na eficacia das instalación portuarias da Pobra”.
Por iso, advertiu que a concesión a ALICRUSA dos 1.650 metros cadrados para albergar os 84 contedores na explanada comercial “reduciría enormemente a área de traballo e de transito no peirao, na que se moven ao mesmo tempo camións, coches privados, contedores, traballadores, dificultando a normal actividade do porto e incrementando o risco de accidentes”. “Toda a actividade portuaria, xa complicada na actualidade, veríase forzada por esta redución do espazo pola área concedida a unha empresa que, -destacou-, tamén foi beneficiada de 1 M€ de subvencións por parte da Xunta”. Prado tamén fixo referencia “á afectación á fachada marítima” que tería a instalación dos contedores no espazo inicialmente previsto.
A deputada nacionalista espera que o compromiso de estudar unha alternativa de ubicación, expresado ao BNG pola responsable de Portos de Galiza no Parlamento, se concrete nunha localización satisfactoria para todas as partes que desenvolven a súa actividade no peirao da Pobra, tal como solicitan empresas conserveiras e consignatarias, traballadores e concellos, concluíu Montse Prado tras explicar a súa reclamación na Comisión parlamentaria de Pesca.