O BNG pide á Xunta que investigue o posible tráfico ilegal de peles de raposo tras a incautación en Ferrol

Raposo
Raposo

Luís Bará apunta aos recentes campionatos de caza, a capturas furtivas ou a compravenda clandestina como causas plausibles das peles requisadas

O BNG traslada ao Parlamento a denuncia dunha posible trama ilegal de compravenda de peles de raposo, e pide á Xunta que inicie unha investigación despois de que a Garda Civil incautase unha remesa de 87 peles deste animal nun control rutineiro en Ferrol, sen que transcendese a súa procedencia.

“Pode ser o inicio dunha trama ilegal de tráfico destes animais que ademais coincide no tempo cos campionatos de caza de raposo que tiveron lugar en Galiza nas pasadas semanas, e a Xunta debe determinar cal é o destino destes animais unha vez que son abatidos”, salientou o deputado Luís Bará.

En teoría dase un tratamento “centralizado” por parte das entidades organizadoras destes campionatos, “pero non temos constancia de cal é o uso ou o destino final das pezas capturadas e por iso queremos que se faga unha investigación por parte do Goberno galego, saber se hai un control e seguimento da recollida centralizada dos raposos abatidos nos campionatos de caza”, argumenta o deputado nacionalista.

En definitiva, Bará pregunta á Xunta a partida requisada procede destes campionatos e se ten constancia doutros casos similares, así como as medidas que ten previsto adoptar contra o tráfico das peles de raposo.

Os feitos que motivan a iniciativa do Bloque arrancan da incautación dunha remesa de 87 peles de raposo nun control da Garda Civil o pasado 19 de febreiro en Ferrol, “un suceso estraño que cando menos debe ser motivo de investigación e esclarecemento por parte das autoridades de Medio Ambiente”, alega o deputado.

Apunta que tal cantidade de peles non é fácil de conseguir dunha maneira lícita e cumprindo a normativa ambiental e cinexética vixente. “Ou ben existe un tráfico ilegal procedente de capturas furtivas ou ben un mercadeo sen papeis e clandestino con animais cazados de maneira legal”, indicou, porque existen moi poucos actores capaces de dispoñer dese material nesas cantidades, con excepcións como o resultado dun campionato de caza.

De aí a iniciativa parlamentaria do Bloque, instando á Xunta de Galiza a abrir unha investigación sobre a orixe e destino das peles de raposo interceptadas para determinar se existe unha trama de tráfico ilegal. Igualmente,  considerando a proximidade no tempo cos campionatos de caza do raposo, tamén pide realizar un estudo sobre o uso e destino dos animais abatidos nestes torneos celebrados nos meses de xaneiro e febreiro.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG