O BNG denuncia na Eurocámara as batidas de raposos en Galiza baixo a xustificación de actividade deportiva

Raposo
Raposo

A eurodeputada Ana Miranda critica que esta práctica conte co apoio do goberno galego, Ence e diversos concellos

A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, presentará diversas iniciativas no Parlamento Europeo para denunciar as batidas de raposos previstas en Galiza a partir do vindeiro luns. Miranda denuncia asemade que estas prácticas se desenvolvan baixo a xustificación de “actividade deportiva”.

Para Ana Miranda “esta práctica non é defendible baixo ningún aspecto, pero moito menos como actividade deportiva”. A eurodeputada galega critica, por outro lado, que as batidas previstas conten co patrocinio do goberno galego, así como Ence e o concello de Cerdedo-Cotobade, ” tal e como figura nos seus carteis de publicidade. “Disparar a seres vivos non pode considerarse como actividade deportiva”, salienta.

A eurodeputada nacionalista amosa o seu apoio as iniciativas desenvolvidas pola asociación Libera, que explica que entre 2011 e 2017 foron tiroteados máis de 75.000 exemplares “por simple disfrute”. Para o BNG non existe ningún tipo de xustificación a este feito e pese a que non existe ningún censo científico sobre o número de zorros en Galiza, a Xunta autorizou polo menos 7 batidas nas catro provincias.

Contaminación por chumbo

Por outro lado, esas batidas supoñen unha “presión intolerable para o medio ambiente” con cans e cazadores acosando a diferentes especies e o emprego de perdigóns de chumbo. “Non só atopamos unhas prácticas que non son deportivas senón que por riba son tremendamente contaminantes para o noso medio”, subliña Miranda, quen insta a rematar con estas batidas, “inxustificadas e inxustificables desde todos os puntos de vista”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG