O BNG advirte contra a perda de emprego e o recorte de servizos pola concentración bancaria que segue imparable en Galiza e ten como último paso a adquisición da filial española da Caixa Geral de Depósitos por parte de Abanca.
A portavoz parlamentaria de Economía, Noa Presa, critica o “silencio” da Xunta ante unha cuestión tan relevante desde o punto de vista social e económico. En termos de emprego, a operación “pon en xaque 133 postos de traballo directos en 35 oficinas” debido á duplicidade de sucursais, alerta.
“Todo apunta a que serán pechadas coa conseguinte destrución de emprego, unha sobrecarga para os e as traballadoras que queden ou que asuman a carga laboral das oficinas que pechen e, en consecuencia, derivará tamén nunha peor atención a clientela”, sintetizaba Presas durante o debate en comisión.
A deputada fixo fincapé en que, este caso concreto de concentración bancaria, afecta a unha entidade “clave na relación entre empresas de Galiza e Portugal, é dicir, clave nas relacións económicas de ambos países”. Presas lembra que o recorte da oferta bancaria neste país está por riba da media estatal e europea, “e agrava un proceso que arrancou coa extinción das caixas galegas”.
“Bancarización e perda de galeguidade do sector son sinónimo de maior dificultade de acceso ao crédito para familias e empresas”, salienta, “pero seguen favorecendo este proceso de concentración”, recriminou Presas á Executivo de Feixóo.
Por contra, o BNG reclama da Xunta “que poña en marcha medidas correctoras de cara ao futuro, que se implique porque ten competencias exclusivas en materia de consumo e debe tomar medidas para que este novo episodio de concentración non afecte nin as persoas usuarias nin as pequenas e medianas empresas”, salientou Presas.
A formación nacionalista pide “unha implicación activa do Goberno galego na negociación para que as consecuencias sobre o emprego e sobre o peche de oficinas non sexan graves e non volvamos vivir situacións como as que nos trouxo o proceso de venda do Popular-Pastor, mentres Feixóo practica a inacción e a técnica da avestruz ante problemas tan importantes para a nosa economía”, concluíu.