O deputado do BNG, Iago Tabarés trasladou ao goberno galego a inquedanza da cidadanía ante a construción dun edificio administrativo na cidade de Ourense para centralizar a totalidade das dependencias da Xunta, na actualidade distribuídas en máis de 20 inmobles.
Para a construción do edificio, explicou o deputado, a Xunta de Galiza adquiriu 4 parcelas no Barrio ourensán das Lagoas sobre o que “non existe ningún proxecto e sobre o que a Xunta négase a dar explicacións do procedemento de adquisición”.
Por outra parte, dixo, a eventual construción da infraestrutura implicaría “un incremento no tránsito peonil e da circulación de vehículos na avenida Otero Pedrayo” e se o goberno quere recuperar a vella promesa á sociedade ourensán, “debe proceder ao seu soterramento” para protexer a seguridade das persoas e permitir a integración dos diferentes campus coa cidade”.
Este proxecto, explicou o nacionalista, foi anunciado a finais do século pasado polo conselleiro de Ordenación do Territorio, Xosé Cuiña e no ano 2008 co Partido Popular fóra do goberno comezou a andar o proxecto de soterramento, dan man do concello, universidade e da extinta Caixanova e que, ademais abría a porta á construción dun bulevar, un carril bici, vivenda protexida e areas comerciais e residencias. Pero, unha vez máis, recalcou o deputado, “o PP torpedeou este proxecto”
Ademais, engadiu que non se avanzou no soterramento é a única intervención de seguridade viaria foi unha reforma que o seu socio de goberno cualificou de “low cost” e que en ningún caso daba resposta ás necesidades e demandas sociais e a integración urbana do campus.
No 2017 o pleno do concello de Ourense encomendaba ao alcalde do Partido popular trasladar á Xunta de Galicia “a elaboración dun proxecto para o soterramento do vial” pero pasado o tempo constatamos que o goberno amigo non atendeu esta demanda.
O pasado mes de marzo e igualmente por unanimidade, o concello de Ourense acordou novamente requirir á Xunta de Galicia o soterramento da avenida que permita a permeabilidade entre zonas tan importantes da cidade, eliminando a división que xera ese vial polo que pasan diariamente máis de 14.000 vehículos.
Tras a intervención da conselleira de Infraestruturas e mobilidade, Ethel Vázquez que unha vez máis eludiu responder as cuestións formuladas polo deputado nacionalista, Tabarés afirmou que as actuacións da Xunta en Ourense son “indecentes, ineficaces e ineficientes” e moi distantes dunha xestión racional dos recursos públicos.
“Escoiten as demandas da sociedade ourensá, de todos os grupos políticos, atendan as necesidades da cidade e da cidadanía, e realicen -ao igual que noutras cidades – obras verdadeiramente transformadoras e que melloren a calidade de vida da xente”.
O soterramento contribuiría á seguridade viaria e a integración urbanística, social, cultural e económica do campus na cidade polo que avanzou que o BNG continuará rexistrando iniciativas para que a Xunta se implique con esta demanda.