Diante da tremenda situación que se está vivindo na illa grega de Lesbos tras o incendio no campamento de Moria, a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, asina unha misiva dirixida ao presidente do goberno estatal na que se lle reclama que o Estado español acolla unha parte das 13.500 persoas que alí malviven desde hai meses. “
“Se o que sucedía en Moria en marzo, cando estiven alí, era terrible, con miles de persoas no campamento, o que sucede agora é inaceptable e a Unión Europea non pode deixar malvivir ás persoas mirando cara a outro lado”, denuncia Ana Miranda, quen considera que “o mínimo que se pode facer por persoas que foxen da fame e da guerra é tratalas e acollelas con dignidade. É urxente a reubicación destas persoas e o Estado español debe amosar a súa solidariedade”.
Segundo explica a portavoz do Bloque en Europa, a Unión Europea ten que ofrecer unha resposta global á crise humanitaria dos centos de persoas refuxiadas que tentan cruzar as fronteiras en busca de asilo. “Agardamos que o 23 de setembro, data na que está previsto que a Comisión Europea presente a súa proposta para coordinar as políticas de asilo retorno, teñamos un proxecto que dea resposta ás persoas".
“Agora mesmo é imprescindible que se leve a cabo unha reubicación digna de todas as persoas que malviven en Lesbos, máis alá do traslado urxente dos 400 menores non acompañados”, manifesta Miranda, quen ademais do campamento de Moria tamén visitou o ubicado no paso de Calais.